martes, 29 de marzo de 2011

PLANTANDO BULBOS

  Pois tocounos poñer mans á obra.  A nosa directora trouxo un montón de bulbos que plantamos na parte de atrás do cole.  Despois de ter o rego aberto colocamos os bulbos gardando unha distancia de "seguridade" que lles permita ter espazo suficiente para medrar.  Tivemos coidado de colocalos coas raices para abaixo e tapámolos con dúas paladas de terra.  E despois a tapar o rego.  Tócanos esperar a que medren e teñan flor.
   De que cor serán os tulipáns?


luns, 28 de marzo de 2011

FUNDACIÓN SALES

  Xa chegou a primavera e non hai nada mellor para comprobalo que achegarse ás plantas.  Están brotando e nos traen un mundo de sensacións, olores, colores e... coñecementos.
  Na Avenida de Europa (Vigo) atópase a Fundación Sales, un lugar onde nos podemos atopar con distintas variedades de herbas, arbustos e árbores;  moitas delas non son habituais no noso clima pero están perfectamente adaptadas.
  Despois de facer un recorrido por todo o xardín fomos ao invernadoiro onde cada neno ou nena plantou un allo nunha maceta que trouxemos para casa.  Agora temos o encargo de cuidalo e observar como medra.
  Primeiro fomos os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de primaria o 24 de febreiro.




  Despois tocoulles aos nenos e nenas de infantil de 4 e 5 anos xustiño o día que empezaba a primavera.  Aquí vos deixamos a nosa visita.



sábado, 12 de marzo de 2011

TESTAMENTO DE ENTROIDO

  E, finalmente, aquí vos deixamos o Testamento para as/os profes:

Para Belén
por ser tan coqueta
déixoche unha avioneta
e por ser popular
a estrela Polar.

Para Margui
por ser tan esbelta
déixoche unha entrada
para o partido do Celta-

Para Malena
para que teña máis melena
déixoche unha magdalena
e que non me faga unha faena.

Para Beatriz
déixoche un xogo de codorniz
máis unha regaliz cunha viaxe a Mondariz.
E por ser tan boa tamén unha lagoa.

Para Rosa
por ser tan fermosa
déixoche unha rosa olorosa,
e por ser tan activa
un yogur de Activia.

Para Pilar
por ter tanta paciencia
déixoche a miña
intelixencia.

Para Mónica
por ser tan nova
déixoche unha entrada
para Naturnova.

Para Gladys
déixoche unha compra
gratis no Gadis.

Para Elena
por ser tan seria
déixoche unha viaxe
a Nixeria.

Para Carmela
como é tan morena
déixoche unha pamela.

Para Pili
por ser secretaria
déixoche unha
lectura diaria.

Para Palmira
por ser directora
déixoche unha
gran locomotora.

Para Manu
por ser tan deportista
déixoche unha
viaxe de piragüista.

Para Manuel
por dar relixión
déixoche unha infusión.

Para Ana
por ser tan salada
déixoche uha
boa ensalada.

Para Rosa
por ser a orientadora
déixolle unha
boa aspiradora.


       Este ano decidimos non queimar a Don Contaminante.  Xa hai suficientes emisións de gases nocivos.  Como conclusión debemos reciclalo e aproveitar o que se poda.  Encargarémonos de botar os residuos nos contenedores apropiados.

  E así damos por rematado o noso Entroido.  Ata o ano que ven.



COPLAS DO ENTROIDO

  E chegaron os alumnos de 5º e 6º e nos deixaron as súas coplas de entroido:

A terra é única
por iso debemos reciclar
as bolsas reutilizar
e os materiais aproveitar.

Eses lixos e resíduos
que tiramos sen intención
convértense en velenos
chamados contaminación.

Coa contaminación
afogo o meu pulmón.

Plástico contaminante
non nos molestes mareante
que afeas a paixase
nos bosques da Laxe.

O petróleo do golfo de México
contaminación en Acapulco fixo
os peixes denuncian á empresa
e os paxaros voaron a présa.

Coa contaminación
imos esgotar os recursos a mogollón.

A contaminación
cústanos un riñón.

A contaminación
non é ningún bombón.

A xubilación anticipada
está entre nos aceptada
o peor é que aínda temos que traballar
para podernos xubilar.

Esto da xubilación
mólanos un montón
non nos gusta traballar
pero si cobrar.

No ano 2027
xubilarémonos aos 67
pero si temos sorte nunca traballaremos
e unha paga non contributiva teremos.

Coa crise económica
a nosa paga está a baixar
non temos nin para lambetadas
pero si para xantar.

A crise económica
estanos a afectar
aínda que alguén quede sen casa
as hipotecas han baixar.

A crise quítanos o traballo
e parece un gran meigallo.

Coa crise ata o pescozo
imonos tirar a un pozo
se seguimos así
ímonos
te largar de aquí.

A cicloxénesis explosiva
librounos do colexio un día
os nenos disfrutárono con Leticia
e dímoslle as grazas cunha caricia.

O novo sistema solar descuberto
ten o tamaño do troll Humberto
e como é unha super terra
poderemos vivir nela.



venres, 11 de marzo de 2011

O SOL NACE PARA TODOS

    E chegou o astro rei, a nosa principal fonte de enerxía.  Vexamos as recomendacións que nos traen os alumnos de 4º:

ESLOGANS SOBRE A ENERXÍA SOLAR:
  1. O sol é unha enerxía limpa e renovable.
  2. A enerxía solar aprovéitase, converténdose en fotovoltaica mediante placas solares.
  3. Debemos economizar utilizando a enerxía solar.
  4. O sol é coma unha verdadeira central termoeléctrica.
  5. A enerxía solar é unha tecnoloxía con porvir.
  6. O sol é unha fonte inagotable de enerxía que non contamina.
  7. Os panei solares forman equipos solares que captan a luz do sol.
  8. A enerxía solar é unha enerxía obtida pola captación da luz e a calor do sol.
  9. A radiación solar que chega á Terra, aprovéitase por medio do calor en forma de enerxía verde.
  10. A luz solar xenera electricidade mediante un circuito eléctrico ata unha batería.
LEMAS

Se o cambio climático
queremos frear
a enerxía solar
debemos utilizar.

Dispostos a loitar
contra o cambio climático,
e a enerxía solar,
sempre renovar.

Coa enerxía solar
estamos dispostos a formar
unha gran horta solar.

Unha central térmica solar
imos acabar
para poder aforrar.

Cunha cuberta solar
vamos potabilizar
a auga da piscina municipal.

Coa enerxía solar
imos cociñar
nunha nova cociña solar.

Coa enerxía eólica solar,
o aire vaise quentar
e alí nos xeradores
vaise quedar.

Se unha boa iluminación
queres acadar,
da enerxía solar
haste de acordar

Se aproveitas a calor solar,
non necesitarás
utilizar e gastar
tanta calefacción central.

Se unha auténtica
refrigeración queres ter,
dunha enerxía solar
haste de proveer.


REGUEIFAS

1
Boas tardes, señor Sol
milagro vostede por aquí,
parece un deputado
da corte de Madrí.

2
Este rapaz é un bo home
solo que ten un defecto,
que hai máis dun ano
que non le ningún prospecto.

1
Ti señorito Sol
eres un pouco pícaro,
súbeste a unha árbore
a ver se o paxaro é ovíparo.

2
Non me digas tal couso
que dando ves unha abella
saes pitando
coma unha centella.

3
Estes, fan moitas "trampuxas"
o mundo vaino dicindo,
á conta das súas trampas
estes homes van ben vivindo.

4
Non digas iso de nós
que nunca che fixemos tal
porque se segues así
imos acabar moi mal.

5
Unha cousiña ben clara:
Se queres desafiar,
se queres, te desafío
e vamos a comezar
que xa teño ganas de amolar.

6
Bueno, xa está ben!
E, vos?
Sentádesvos e tumbádesvos no sofá
poñédesvos a Regueifar
case nunca a conversar
e si, sempre a toleirar.

3
Oes!
No sofá aínda non tumbabamos
está se estrear
e iso de que gañara o Coruxo
é o máis normal
pois haino que aturar.


E finalmente cantaron a canción:  " O sol nace para todos"




TODOS SOMOS NECESARIOS

  E despois chegaron os de terceiro traendo aire fresco:  unha boa dose de osíxeno que boa falta nos fai.  Nos recordaron a necesidade das árbores e das plantas para manter a vida no planeta.

      A súa canción:  “TODOS SOMOS NECESARIOS”.


¿QUE ME PASA DOUTOR?

       Temos tantos problemas que necesitamos un doutor.  ¿hai algún doutor na sala, por favor? Por favor, o noso planeta está enfermo ¿hai algún doutor?
  Os nenos e nenas de 2º queren chegar ao fondo e curar definitivamente ao planeta.  Aquí deixamos a súa representación:

TERRAS.- Bos días doutor.
DOUTOR.-  Bos días.  Que lle pasa?
TERRA 1.- Dende fai algún tempo sufro de gases nocivos.
TERRA 2.-  A miña vexetación está desaparecendo.
TERRA 3.-  Os meus desertos empezan a ocupar demasiada superficie.
TERRA 4.- Ademáis creo que me está subindo a temperatura.
DOUTOR.- Que ten a temperatura alta?
TERRA 5.- Si, fai tanta calorrrrrrrrrrrr...
TERRA 6.- (suspiro)  Estou tan preocupada...
TERRA 7.- Dígame doutor ......Que teño?
DOUTOR.- Vexamos ... a exploración diranos cal é a orixe do seu malestar.  AJA!  Está clarísimo...  Vostede o que ten é HUMANIDADE.
TERRAS.-  Ohhhhhhhhhhhhhh... e ... iso é grave?
DOUTOR.-  Depende de como evolucione.  Se o desenrolo actual continúa, podería desaparecer.
TERRAS.- E non hai ningunha solución?
DOUTOR.-  Si, curaráse, se a HUMANIDADE se comporta de maneira intelixente.
TERRAS.-  Pero iso, é posible?  Teño algunha esperanza?
DOUTOR.-  Non o sei, non o sei....  A ten?




   Para finalizar tamén cantaron a canción:  "No matéis mi planeta".

OS PINGÜÍNS TEÑEN UN PROBLEMA: FAI MOITA CALOR

        Como xa dixemos antes unha das consecuencias do cambio climático é a subida das temperaturas.  Vexamos que problemas teñen os pingüíns do polo sur ( de 1º):

   “OS PINGÜÍNS TEÑEN UN PROBLEMA:  FAI MOITA CALOR”
  Os alumnos de 1º representaron este teatro:

PINGÜÍN 1.- Compañía de pingüíns:
Altoooooo!
PINGÜÍN 2.-Paxaros que poñedes ovos,
Sodes paxaros bobos?
TODOS.-Nonnnnnnnnnnn!
PINGÜÍN 3.-Temos un problema:
Fai moita calor.
TODOS.-Ufff! Que calor!
PINGÜÍN 4.-As nosas tres capas de grasa
Producen moito suor.
TODOS.-Que calor!
PINGÜÍN 5.-E as nosas tres capas de plumas
Soben a temperatura.
TODOS.-Que calor!
PINGÜÍN 6.-A nosa nai dicía:
A neve e o xeo son bos compañeiros.
E tiña razón.
TODOS.-Tiña razón!!!!!!!!!!!
PINGÜÍN 7.-E quen ten a culpa
Deste problema tan sofocante:
Don CONTAMINANTE.
TODOS.-Don CONTAMINANTE!!!!!!!!!!!!!!!
PINGÜÍN 8.-Por favor loitade contra a contaminación
Que nós non aturamos…
TODOS.-Tanta calor!!!!!!!!!!!!


ENTROIDO "MOLLADO" EN INFANTIL

     Benvidos ao noso entroido.  Grazas  a todos aqueles que nos visitades no noso bloge.  Seguro que xa sabedes que este ano escollemos como tema o “ cambio climático”.  Todos temos escoitado falar del.  A el facémolo responsable da subida dos mares, o aumento das temperaturas, sequías, inundacións,…
  Os nenos de infantil están cansos de tanta chuvia.  Nubes, gotiñas e raios teñen afogados os animais da fraga de Comesaña e o demostraron no entroido a ritmo de rap:



         “COMO CHOVE MIUDIÑO!”

Aquí vos deixamos a letra adaptada da nosa canción e tamén as nosas fotos:


COMO CHOVE, COMO TRONA
E NON CHOVE MIUDIÑO
POLA BANDA DE MUIÑOS
POLA BANDA DE RIAL
 POLA BANDA DE CASÁS.

COMO VENTA, COMO ZOA
NON QUEREMOS AFOGAR
LISCAREMOS DESTA FRAGA
QUE OS NENOS DE COMESAÑA
NON SABEN AINDA NADAR.


xoves, 3 de marzo de 2011

ESTAMOS A MÉRCORES E SEGUIMOS COA TROULA

Aqui vos deixamos mais mostras do noso entusiasmo obedecendo a Don Contaminante.



martes, 1 de marzo de 2011

ASÍ VAI A NOSA SEMANA

  Esta semana de troula está a ter moi bo seguimento.  Aquí vos deixamos algunha mostra.