xoves, 18 de decembro de 2014

DON MOUCHO NADAL 2014

DON MOUCHO NADAL 2014

Queridas familias,


Como cada nadal, queremos facervos chegar o noso xornal escolar Don Moucho.
Agardamos que disfrutedes da súa lectura de xeito compartido nos fogares.
Agora que xa todos tendes na casa a edición en papel deixámosvos aquí a versión dixital a toda cor.
Saúdos e boas festas!

http://www.joomag.com/magazine/don-moucho-nadal-2014/0475805001418830746

mércores, 3 de decembro de 2014

Obradoiro de marmelada de ameixas e mazás 5º e 6º P

      Comezou decembro e xuntámonos quinto e sexto para falar das conservas alimenticias. Facendo un pequeno percorrido polos distintos métodos de conservación empregados dende a prehistoria ata a época actual, a titora de quinto fixo de “máster chef” para ensinarnos como se fai unha conserva moi doce e saborosa. Antes de comenzar coa parte práctica, collemos apuntes sobre as normas de hixiene para obter conservas seguras. Os tres pasos básicos son:

 • Esterilización dos tarros É preciso lavar tarros e tapas con auga quente e xabón. Este paso pode facerse no lavalouzas. Para maior seguridade ferverémolos (botes e tapas) durante 10 minutos e despois deixaremos que arrefríen e sequen boca abaixo.

 • Cocción Nesta parte deixamos os bolis para pasar á acción. A receita foi “Marmelada de ameixas vermellas e mazá” Ingredientes: 1 Kg de ameixas 750 gr de azucre ½ limón 1 mazá.

 • Envasado ao baleiro.

   Lavamos ben a froita e cortámola en anacos ( sen pelar). Pesámola e engadimos a parte correspondente de azucre. Deixámola repousar (nós tivémola toda a noite). Engadimos o limón e puxemos ao lume. Despois de que fervera precisou entre 20 e 30 minutos para facerse a marmelada. Se tivera moita escuma, retiraríamola e finalmente batese. 
    Procedemos ao envasado. Agora xa sabemos que tanto o azucre coma o limón axudan na conservación da marmelada. A mazá contén unha substancia chamada pectina que axuda a que a marmelada colla consistencia. Non é preciso botarlle mazá; simplemente haberá que cocer máis a froita ata que espese a nosa marmelada. Non é preciso empregar o batedor. Podemos pasar a marmelada polo pasapuré ou podemos envasala tal e como quede se nos gusta atopar “anaquiños” de froita. 
      • Envasado ao baleiro Neste caso ao tratarse dunha marmelada e dado o seu alto contido de azucre, enchimos os botes, pechámolos e fervémolos durante 10 minutos a baño maría. Para evitar que o bote se rompese puxemos un pano no fondo da tarteira. Pasados 10 minutos fervendo, apagamos o lume e deixamos que tempase dentro da pota. Terminou de arrefriar fóra e comprobamos que a tapa non afundía, sinal de que se fixo o baleiro. 

    As conservas deben gardarse en lugares con pouca luz e seco. E sempre que as abramos ten que facer o “pop” característico das conservas. Se a tapa está empenada non deberemos tomala nunca. Hai que ter moito coidado coas conservas. Se por calquera motivo sospeitamos delas é mellor tiralas. Non deben estar empenadas, nin con mofo, nin facer burbullas. En todos eses casos estarían en mal estado e poden provocar enfermidades. 

      Para rematar o obradoiro fixemos o que estabamos desexando dende o principio. A degustación do noso experimento na cociña. A verdade que nos puxemos as botas porque probamos dous marmeladas feitas por Elena e que xa estaban ben frías para probar. Unha era a de ameixas e mazá e a outra de melocotóns. Con tostas estaban riquísimas!!

martes, 2 de decembro de 2014

Obradoiro ciencias en 1º: Elaboración de crema dentífrica

Onte os nenos e nenas de primeiro comezamos a primeira semana do derradeiro mes do ano 2014 cunha actividade dinamizadora da lingua galega.
Nesta ocasión puidemos participar nun obradoiro de ciencias baixo o título "Elaboración de crema dentífrica".
Unha vez xuntos todos (os de 1º A e B) Paula, a monitora, contounos algunhas cousiñas e axiña puxémonos coas mans na masa a experimentar. Ao final levamos para a casa unha pequena mostra do que aprendimos facendo.
Logo na aula, como xa somos maiores e escribimos moi ben tivemos tempo para anotar a receita nos nosos cadernos e asi non esquecernos nin dos ingredientes nin do modo de facela.