sábado, 19 de decembro de 2015

O PAXE REAL VISITOUNOS NO PÁRROCO

O derradeiro día antes das vacacións de Nadal tivemos a sorte de que veu visitarnos o paxe real ao Párroco. E iso que de seguro que debía estar máis atarefado do que o estabamos nós.
Nesas días tivemos moito traballo nas aulas preparando as cartas: debuxamos, pintamos, recortamos, pegamos, escribimos, lemos, imaxinamos, desexamos.... e tamén agardamos impacientes ata a súa chegada.

O NOSO FARO DO NADAL

Como este curso estamos a traballar o Proxecto documental Integrado "Galicia de faro a faro" a nosa decoración navideña non podía máis que rendirlle unha homenaxe a estes guardiáns dos mares. Asi foi como no Nadal, e seguindo as indicacións de "libroucho", fixemos unhas tarxetas navideñas que escondían no seu interior minirrelatos e que levamos logo para as nosas familias como agasallo lector. Deste xeito decoramos a entrada do colexio e o que creamos foi un precioso faro: " O faro do Párroco".











venres, 18 de decembro de 2015

UN MAGO PARA INFANTIL E 1º,2º,3º E 4º DE PRIMARIA

Antes das vacacións tódolos nenos de infantil e os nenos e nenas de 1º,2º,3ºe 4º de Primaria tivemos a sorte de disfrutar dos trucos e ocorrencias dun mago que nos visitou. Non, non, aínda non eran "os magos" de verdade, os Reis magos, pero puidemos desfrutar da maxia e ir facendo boca!!.

xoves, 17 de decembro de 2015

EXPER-I-CIENCIA. Sal de mesa nos océanos.

O 17 de decembro, os alumnos de 5º e 6º tivemos a gran sorte de compartir unha charla e varios experimentos con tres científicas do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións mariñas de Vigo. Partindo de preguntas de se era igual o sal que usamos para cociñar que o da auga dos océanos?, que ocurría coa súa temperatura?, se era a mesma en Galicia que no Polo Norte?. Despois mediante sinxelos experimentos con auga de diferentes cores, explicáronse os procesos que afectan á formación das correntes mariñas, dende escalas pequenas (como as rías galegas) ou a escalas planetarias (como os icebergs dende os polos). Aprendimos como estas correntes son fundamentais para a vida de moitos organismos mariños. Foi un obradoiro a mar de interesante!.

xoves, 3 de decembro de 2015

Os nenos e nenas de 2º imos ao teatro

Onte os nenos e nenas de segundo tivemos a oportunidade de disfrutar con todos os sentidos da arte, nesta ocasión no teatro. Marchamos do colexio moi ledos sabendo que nos dirixíamos ao teatro Afundación para ver unha preciosa fábula "Lío en la granja" no formato de teatro de monicreques da compañía A Baldufa. Quedamos marabillados coa calidade da función, a preciosa mensaxe que nos ensinou a fábula, a coidada escenografía, a música..... Asi que xa sabedes, se queredes disfrutar da arte, o teatro sempre é unha boa idea!!

SAÍDA DOS NENOS DE 1º AO CENTRO DE VISITANTES DAS ILLAS ATLÁNTICAS

Xa que no cole estamos inmersos nun proxecto sobre as bisbarras da nosa comunidade: “Galicia de faro a faro”, aproveitamos para coñecer un pouquiño mellor a flora e fauna das nosas illas facendo unha saída ao centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Ao chegar recibiunos Martiño, un corvo mariño moi simpático, que nos axudou neste percorrido ensinándonos algunhas características do relevo do parque Nacional (cantís, praias, bosque…) así coma dos fondos mariños onde se atopan  incribles tesouros naturais (morenas, polbos, estrelas de mar…). Por outra banda tamén presentounos algúns dos seus amigos coma os chocos, as gaivotas, os ourizos…

A verdade é que nos quedaron moitas ganas de achegarnos a algunha das illas; algúns xa estivemos, pero mesmo prestábanos volver.


mércores, 2 de decembro de 2015

VISITA AO CONCELLO DE VIGO

O 2 de decembro, os nenos e nenas de cuarto, quinto e sexto de primaria foron de visita ao Concello de Vigo. En dúas horas de percorrido aprendimos como entre 1200 e 1300 funcionarios traballan nos diferentes departamentos. Na planta baixa, chamada "lonxa" está a zona onde se poden resolver moitas xestións cidadáns, de tráfico, pagamentos de lixo e contribucións... Tamén estiveron na Sala de Plenos onde reúnense os concelleiros xunto co alcalde "Abel Caballero", nomeado nas eleccións municipais polos vigueses maiores de 18 anos. Despois estivemos noutra sala de conferencias e baixamos ao sótano onde se fan cursos de baile galego para rematar a saída, coa visita aos laboratorios e a sala onde se controla todo o tráfico de Vigo.

xoves, 26 de novembro de 2015

MAGOSTO 2015

Ultimamente estamos moi atarefados.....A semana anterior ao magosto estivemos a traballar nas aulas esta temática de moitos xeitos: investigando, lendo, coñecendo máis a nosa cultura tradicional, facendo os cornetes e caixiñas para as castañas, decorando as aulas, xogando na aula de informática etc.
Por fin chegou o venres 13 e como foi logo do San Martiño e xa sabedes...."Polo San Martiño, trompos ao camiño" no noso magosto non podían faltar os xogos populares.
Asi que a continuación tendes unha mostra do que foi ese día.
Aburiño!

venres, 13 de novembro de 2015

SAÍDA AFUNDACIÓN ABANCA

O pasado mércores, día 11 de novembro, os nenos e nenas de 1º e 3º da escola fixemos unha saída á sede Afundación da obra social Abanca en Vigo. Alí a píntega Pintafontes axudounos a facer unha viaxe pola historia da arte do século XX. Tivemos a oportunidade de coñecer a artistas coma Caruncho, Dalí, Kandinsky, George Braque ou Joan Miró, entre outros, así como algunhas das figuras máis relevantes da arte galega: Lugrís, Castelao, Leiro… Rematamos a visita facendo un obradoiro no que durante un tempo sacamos ao artista que todos levamos dentro e pintamos coma un dos grandes da pintura abstracta, Kandinsky. A súa música, a súa imaxinación e os seus “trucos” para pintar inspiraron as nosas obras… Esperamos que vos gusten. A verdade é que nós pasámolo moi ben.

luns, 9 de novembro de 2015

Exposición de froitos do outono

Asi foi como quedou a nosa exposición sobre os froitos do outono. A podedes ver na entrada do colexio. Graciñas as familias pola colaboración.
E aproveitando que estamos de cheo cos preparativos do Magosto, se premedes na foto da nosa exposición atoparedes recursos LIM para traballar esta temática.
 LIM Magosto

martes, 3 de novembro de 2015

SAMAÍN 2015

O xoves 29 de outubro celebramos o Samaín no colexio.
Aqui tendes unha mostra do traballo feito eses días nas aulas. 
Así foi como quedou o mural que fixeron os rapaces na aula de inglés.

No seguinte enlace podedes ver algunhas fotos dos nenos e nenas disfrazados.

martes, 16 de xuño de 2015

VIDEOS FESTIVAL FIN DE CURSO INFANTIL E 1º PRIMARIA

4º E.I. O BAILE DA CARRASQUIÑA
4º E.I. O BAILE DA CARRASQUIÑA

 5º E.I. MANOLA

 6º E.I. BARÁ, BERÉ, BERÉ

 4º 5º 6º E.I. THE WHEELS ON THE BUS

1º A PIRATAS

domingo, 14 de xuño de 2015

FESTIVAL FIN DE CURSO

sábado, 13 de xuño de 2015

TRABALLAMOS COS ALIMENTOS EN 5º DE PRIMARIA

Os alumnos de 5º de Primaria, no 1º trimestre, coñecimos moitas propiedades dos alimentos, a súa clasificación, de cales non debemos abusar... Tamén aprendemos a elaborar dietas saudables.

RECOLLEMOS LEITUGAS NA NOSA HORTA

Os alumnos de 1º recollemos as leitugas que plantaran os nosos compañeiros de 3º de Primaria e fomos levarllas a súa clase. Observamos que medraron moi rápido e foi porque tivemos moito sol e así o tempo axudou. As leitugas, para medrar, as regabamos e as tapamos cunha rede, porque outros anos que non as cubrimos, as comeron os paxaros. Con estes poucos coidados, e o sol medraron moitísimo. Ainda así, deixamos unhas poucas para recoller na semán vindeira.

venres, 12 de xuño de 2015

CONTAMOS MOITO...REMATAMOS CON FESTA.

Os nenos e nenas de infantil e 2º de Primaria agardamos ata case a fin de curso para desfrutar xuntos da lectura de "Filiberto e o xastre de sombras". Os de 2º xa leran o conto cando pasou pola súa aula como libro viaxeiro e daquela fixeran as súas sombras no caderno viaxeiro. Hoxe catro deles, Thalía, Carla, Águeda e Lucas  leron o conto para os compañeiros de infantil. Despois fomos todos xuntos ao patio e por parellas  debuxamos as nosas sombras no chan. Foi unha actividade moi divertida para pechar este curso o Proxecto Contamos moito e o Proxecto arredor da luz.

xoves, 28 de maio de 2015

CONTOS DO MEDIO

Hoxe xoves, día 28 de maio, os nenos e nenas de 2º tivemos un encontro moi interesante na biblioteca da nosa escola. Explicáronnos unha morea de cousas sobre a flora e fauna da nosa terra, máis en concreto, dalgunhas especies que habitan no esteiro do río Miño na Guarda. Con estes personaxes tan interesantes e tan cercanos a nós comezou un conto marabilloso sobre a chegada da cerceta a Galicia…

Por certo, sabedes o que é a cerceta?


mércores, 27 de maio de 2015

Encontro de 5º e 6º coa escritora LEDICIA COSTAS

E chegou o gran día. O pasado 21 de maio visitounos Ledicia Costas, a autora do libro "Escarlatina a cociñeira defunta" que foi Premio Merlín o pasado ano e que ademais de contestar as nosas preguntas e contarnos moitas curiosidades do libro, fíxonos rir coas súas anécdotas sobre "as avoas exterminadoras de gatos". Escarlatina,ademais de contarnos unha historia moi orixinal, vai intercalando deliciosas receitas de cociña, para que despois de ler o libro entren gañas de levalas á práctica. Os de 5º e 6º non perdemos o tempo e disfrutamos no 2º trimestre coas "Piruletas de chocolate". Finalmente asinou os nosos exemplares e o da biblioteca. Grazas Ledicia!

luns, 25 de maio de 2015

OS ALUMNOS DA PRIMARIA SEMENTAMOS NA NOSA HORTA

Tal e como fixemos outros anos, chegou o momento de sementar. Coa chegada do bo tempo aproveitamos para volver a darlle ao sacho e botamos unhas pouquiñas cenorias, leitugas, tomates e espinacas. Como nos gusta comer san, empezamos coa degustación da froita durante o inverno e na primavera liamonos coas verduras e hortalizas, as cales sabemos que son moi importantes na nosa dieta. Sementamos, abonamos e regamos, e...pouquiño a pouco medrarán, si o sol nos acompaña.

domingo, 17 de maio de 2015

Don Moucho Letras Galegas 2015

Hoxe, no día das Letras Galegas queremos facervos chegar o novo exemplar en formato dixital do xornal escolar Don Moucho. Esperemos que dende aqui o poidades ver a toda cor e cun chisquiño de mellor calidade agora que xa tendes nos vosos fogares a edición en papel. Nesta ocasión facemos a nosa pequena aportación literaria cun traballo monográfico arredor da luz xa que como ben sabedes este ano 2015 celébrase o Ano Internacional da luz e nós, os nenos e nenas de infantil e primaria levamos traballando a reo no noso Proxecto Documetal Integrado "As viaxes da luz". Agardamos que disfrutedes coa lectura compartida en familia desta edición e que coñezades deste xeito un pouquiño máis os nosos traballos. Don MouchoLetras Galegas2015

luns, 11 de maio de 2015

DE VOLTA AO CINE

Un ano máis participamos no Programa de educación en Valores "Cinensino", dirixido aos nenos de 4º, 5º e 6º de primaria con dous proxeccións o 23 de marzo e o 7 de maio, no cine Salesianos de Vigo. As películas foron "El verano de sus vidas" para traballar a imaxinación e a creatividade, e "Los cinco y el misterio de la joya escondida" para traballar cunha unidade didáctica a importancia do grupo ante as adversidades.

venres, 8 de maio de 2015

NATURNOVA

O martes, día 5 de maio, os nenos e nenas de 1º B e 2º fixemos unha saída a Naturnova. Este espazo interactivo fíxonos recordar unha morea de cousas sobre as mascotas, o sistema solar e a flora e fauna da nosa terra. Gozamos da realidade virtual viaxando en submarino ao fondo da ría e tocamos e interactuamos con cantidade de recursos que puxeron ao noso alcance.

 Unha marabilla poder aprender deste xeito…


luns, 4 de maio de 2015

VISITA AO PIT DO CASTRO

Un ano máis o alumnado de 6º de primaria asistiu ao circuito de bicicletas do Castro para realizar actividades de Educación Viaria en colaboración coa Policía Local do Concello de Vigo.
A actividade serve para traballar a seguridade personal, o mantemento das bicicletas e as maniobras de sinalización entre outras.
O coincidir co Ceip. Virxe do Rocío tivemos que facer tres quendas representando diferentes papeis como peóns, conductores de bicis e policías.
A finalidade era entender as distintas perspectivas desde cada un dos papeis.

xoves, 30 de abril de 2015

SEGUNDA SEMANA DE FROITA NA ESCOLA

Os alumnos do Centro voltamos a degustar unha semana de froita e aprendemos moitas cousas da dieta saudable. Degustamos plátanos, peras, laranxas, mazás e o mellorciño...OS AMORODOS. Como xa estamos cerca do verán, xa temos froitas que nos gustan moito e os amorodos tiveron un éxito total.

domingo, 26 de abril de 2015

LEOCADIO, O LEÓN

Estes días andabamos moi atarefados lendo nas nosas aulas un libro titulado “Leocadio, o león”. A verdade é que estaba moi interesante xa que, pouquiño a pouco, fomos colléndolle cariño a ese leonciño que ía trazando a súa historia tan preto de nós. Despois de rematalo e, coincidindo co Día do Libro, recibimos un agasallo na biblioteca da escola que nos encheu de ilusión e emoción. Alí estaba Oli, o escritor do conto ao que lle adicamos tantos momentos na clase, compartindo connosco a súa traxectoria como escritor. Falounos de Leocadio e doutros moitos libros que tiña escritos, pero o máis emocionante foi cando nos ensinou o borrador da súa próxima historia que pronto estará nas librarías. Tamén nos relatou contos marabillosos e amosounos moitos tesouros que traía agochados no seu maletín. Para rematar asinounos os nosos exemplares e mesmo o da biblioteca do cole. Un pracer ter compartido con el este tempo.


domingo, 19 de abril de 2015

VISITARON O NOSO CENTRO OS XOGADORES DO CELTA DE MÉXICO Cinco xogadores de fútbol, invitados polo R.C.Celta visitaron o colexio. A súa cidade de orixe e Campeche, en Mexico. Tiñan entre 10 e 12 anos e eran os xogadores máis destacados dos equipos que ten o Celta en Mexico. Estiveron invitados polo clube durante tres semanas para xogar e adestrar co equipo da nosa cidade. Visitaronnos o xoves, 9 de abril e fixemos con eles unha actividade na biblioteca para os alumnos de 3º,4º, 5º e 6º de Primaria, na cal explicaron moitas cousas interesantes do seu país: onde estaba Campeche, a súa situación xeográfica, cal é a súa gastronomía, a moeda, a bandeira, o clima, os estados, a capital... E logo tamén contaronnos cousas dos seus centros escolares e da súa actividade deportiva. Para rematar, saimos con eles ao patio e organizamos uns partidiños de fútbol. Grazas a Dichi, Oswaldo, Johan, Braulio e Lenin por estar connosco e ensinarnos tantas cousas do seu país. E grazas tamén ao R.C. Celta por compartir con nós a estes estupendos xogadores de fútbol.

xoves, 16 de abril de 2015

Saída á Policia Local de Vigo dos nenos e nenas de primeiro

O xoves 16 de abril, os nenos e nenas de primeiro saímos do colexio con moitísimas ganas de coñecer o traballo da Policía Local de Vigo.
Nada máis chegar as instalacións da Policía Local ubicadas no mesmo concello de Vigo, recibiunos a axente Dori que nos acompañou moi amablemente durante toda a visita.
Ao tempo que nos dirixíamos a unha sala de reunións, vimos unha mostra dos variados uniformes que tivo a policía ao longo do tempo e entramos nunha sala onde Dori explicounos que tódolos días xúntanse os axentes para recibir as ordes dos seus inspectores xefes.
Logo de contarnos cousiñas moi interesantes e mesmo de xogar un pouco a ser xefes de policía Dori deunos unha sorpresa: "O alcalde da nosa cidade Abel Caballero quería coñecernos en persoa". Deste xeito comenzamos a explorar o concello e Dori íanos presentando a tódolos que nos atopábamos no camiño: concelleiros, axentes, conserxes, limpadoras, mecánicos, administrativos, etc ata que chegamos á sala de plenos do concello onde nos recibiría o Sr. Alcalde. Sentados nas nosas cadeiras nun lugar tan importante mesmo parecíamos concelleiros facendo política.
O tempo botousenos enriba asi que fomos rapidamente a visitar á sala de control de tráfico, as cocheiras onde aparcan os coches e motos e mesmo subímonos todos en moto.
Como vedes, esta saída deunos para moito, non só para coñecer máis de preto as tarefas tan importantes que fai a Policía Local da nosa cidade senón tamén para coñecer moitísimos oficios e profesións diversos onde cada quen ten a súa responsabilidade para que todo funciona axeitadamente na nosa fermosa cidade.
Agardamos que disfrutedes coas fotos deste día tan emocionante para todos nós.

mércores, 8 de abril de 2015

OBRADOIRO DE IGUALDADE

Hoxe, día 8 de abril, os nenos e nenas de 2º fomos á biblioteca para charlar con Elsa (unha monitora do Concello de Vigo ) sobre a igualdade entre os nenos e as nenas. Primeiro limos entre todos o conto "O país dos mandóns" e falamos sobre el. Logo traballamos por grupos nun fermoso mural sobre aquelas accións que promovían a igualdade entre todos nós.
Sempre está ben recordar aquelas cousas que nunca deberiamos esquecer...


xoves, 26 de marzo de 2015

OBRADOIRO DE PIRULETAS DE CHOCOLATE 5º E 6º P

O día 21 de maio os alumnos de 5º e 6º de Primaria teremos a oportunidade de coñecer a escritora Ledicia Costas, farémoslle unha chea de preguntas sobre "Escarlatina, a cociñeira defunta".
Como o libro está cheo de receitas de cociña "O libro de receitas de Román", aproveitamos para facer a da páxina 99, baixo o mando da nosa super chef  "Elena".
O obradoiro foi un riquísimo e saboroso éxito. Animádevos!


mércores, 25 de marzo de 2015

Os poemas e versos de luz para Colorín no día da poesía e da árbore en 1º A

Os nenos e nenas de primeiro disfrutamos moito facéndolle os poemas ao noso mouchiño Colorín para celebrar o día da poesía e da árbore. Como a temática deste curso era a luz os nosos poemas estiveron ben cargadiños de luces, sombras, reflexos e moita cor nos seus versos. Velaí tendes as fotos que fixemos!

domingo, 22 de marzo de 2015

DÍA DA MULLER TRABALLADORA: 8 DE MARZO Na escola celebramos esta data facendo unha homenaxe a algunhas das mulleres galegas que co seu traballo fixeron cousas importantes e moi relevantes. Son mulleres de onte e de hoxe, como: Olimpia Valencia, Rosalía de Castro, Sofía Casanova, María Barbeito, Isabel Barreto, María Castaña, María Cagiao, Chus Lago, Rosalía Mera, María Pita, Mabel Rivera e Uxía. As súas profesións son moi variadas: médico, periodista, almiranta, pintora, loitadora, empresaria, actriz, músico, escritora..., pero loitaron polo seu, por defender os dereitos das mulleres no seu tempo, por abrirse portas nun mundo de homes... Os alumnos de 5º e 6º traballamos na clase de Educación Física a figura destas mulleres, atopando pistas sobre elas, nunha "Búsqueda do tesouro". Despois elaboramos un mural con toda a información que colgamos no pasillo do colexio.

Contacontos en 1º: "Augusta e os seus medos"

O xoves 12 de marzo, os nenos e nenas de primeiro tivemos a oportunidade de disfrutar dun fermoso contacontos da man de Iago. Nesta ocasión o conto foi "Augusta e os seus medos" de Sabela Fernández Trelles. Con esta historia tan ben contada, descubrimos que Augusta é unha nena chea de soños, pero por ser tan medrosa non consegue que se cumpran.....ata que pedindo axuda, aprende a superalos enfrentandose a eles. Aqui tendes unha mostra en fotos para que miredes o ben que o pasamos.

luns, 16 de marzo de 2015

EXPERIMENTAMOS COA LUZ 5º e 6º P

Hoxe 13 de marzo, tivemos sesión de experimentos.
Xuntámonos na clase dos de quinto e descubrimos cousas moi interesantes sobre a reflexión e a refracción da luz. Culleres a través de diferentes medios e densidades, moedas que desaparecen polo efecto óptico, espellos planos, cóncavos e convexos..
Imaxes invertidas coas culleres, a propagación da luz en liña recta a través dunha lata cunha vela.
Frechas que cambian de dirección  e para rematar o traballo en grupo elaboramos cuns cds o "disco de Newton" coas cores do arco da vella, para facer xiralos rápidamente e descubrir a luz branca produto da mestura de todas as cores.
E aínda non rematou todo o que imos facer!

domingo, 15 de marzo de 2015

A RECICLAXE

O martes, día 10 de marzo, os nenos e nenas de 2º tivemos unha charla sobre reciclaxe na escola. Reciclín e Recicliña, dous superheroes da organización dos residuos para o coidado da natureza e do planeta, recordáronnos a importancia de reducir a cantidade de lixo que xeramos, tamén de reutilizar parte do mesmo e,por suposto, de reciclar correctamente.

Moitas grazas.


venres, 6 de marzo de 2015

Despois de coñecer a elaboración das vendimas na Galiza, os alumnos de 3º de Primaria puidemos saír á Exposición do Viño da Fundación Abanca, en Vigo, o mércores 28 de xaneiro. Estabamos moi entusiasmados porque íamos aprender moito sobre o proceso de elaboración do viño. Fomos no mesmo autobús que os alumnos de: 5º e 6º de Primaria e ao chegar dividímonos en dous grupos.
Os de 3º estivemos coa monitora que nos explicou o proceso de elaboración do viño; ensinounos: a recollida das uvas, a súa época e tratamento, as uvas apropiadas, en bo estado, as técnicas máis actuais e tamén as tradicionais usadas no prensado das uvas, como se elaboraba o mosto...e moito máis. Para rematar tivemos un taller onde puidemos facer mosto coas nosas máns. Foi divertidísimo, aprendimos moito e pasámolo xenial!

venres, 20 de febreiro de 2015

SAÍDA AO MUSEO OLIMPIO LISTE

Ao voltar ao colexio tralo Entroido, tiñamos ganas de máis mascarada así que os nenos e nenas de 1º A e 2º fomos coñecer os personaxes máis antigos do noso Entroido galego ao fabuloso Museo Olimpio Liste da nosa cidade. Unha vez alí dividímonos en dous grupos para ir cadaquén coa súa monitora. No obradoiro puidemos coñecer os personaxes que cada ano saen ás rúas nestas datas no Entroido: os cigarróns, os peliqueiros, os felos, a morena, as pantallas, os boteiros, o vergalleiro, o oso, os xenerais, os galáns e madamas, os merdeiros, os volantes, o Irrio e mesmo o troteiro. Algúns coñeciámolos  pero de seguro que non sabiamos de tantos personaxes interesantes na nosa xeografía. Menos mal que a monitora deunos trucos para poder diferencialos e poñer en práctica a nosa habilidade para recoñecelos cun xogo nun mapa. Tamén quedamos marabillados coa visita á exposición permanente. Aprendimos moitas cousas sobre a forma de vida, os oficios, as ferramentas de traballo e os costumes que había en Galicia hai tan só cen anos. Son moitas as salas con obxectos daqueles tempos: sala dos tecidos, sala dos oficios e mesmo descubrimos unha sala adicada á luz.... Unha fermosa sorpresa coñecer este magnífico museo da nosa cidade. Así que non dubidedes en achegarvos canto antes ata alí e desfrutar doutros tempos en familia.


ENTROIDO 2015

domingo, 15 de febreiro de 2015

SEMANA DA TROULA

O luns 9 de febreiro iniciouse a Semana da Troula coa "entronización" do noso meco. Como este curso traballamos arredor da luz a cousa estaba cantada. Lucerín foi a mascota elixida. E... quen é Lucerín? Un fermoso bebé- bombilla de baixo consumo que simboliza que a loita por conseguir un mundo mais sostible -tamén no eido da luz e a electricidade- ainda está en cueiros e que todos temos o deber de coidar esas pequenas iniciativas que vaian axudando a mellorar a calidade de vida no planeta. 
O primeiro que fixo Lucerín foi deixar claros os mandados para a semana e abofé que todos os nenos e nenas do cole cumpriron ben os seus desexos...





FOTOS  DA TROULA (XOGOS DE LUZ)

sábado, 14 de febreiro de 2015

PLAN PROXECTA: FROITA NA ESCOLA
Na semana do 19 ao 23 de xaneiro fixemos a degustación de diferentes froitas na hora do recreo: laranxa, pera, mandarina, plátano e mazá. Con este programa aprendemos a comer sano, variado e coñecer as propiedades das diferentes froitas que degustamos.



martes, 3 de febreiro de 2015

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ


O traballo que estivemos a facer durante estes días para Copo, o mouchiño de Xaneiro, reflectímolo no noso mural da Paz que luciú durante unhas horas coas luces acesas para simbolizar esa luz de esperanza coa que quixemos agasallar a tódolos nenos e nenas que non teñen medios para unha escola digna e de calidade... a algúns -como nos ensinou Copo- mesmo lle falta a luz!.
Cada aula decorou un brazo co que botábamos a voar os nosos desexos para un mundo mellor, mesmo no eido da escola.

Malala Yousafzai foi o outro eixo de traballo. A nena a quen lle deron o Premio Nobel da Paz por defender cáseque coa súa propia vida o dereito das nenas a recibir unha educación e acudir á escola. Dereito que temos que ter tódolos nenos e nenas do planeta. O segundo mural que enche a nosa entrada acolle algunhas das impresionantes e sinxelas frases que Malala ten pronunciado sobre este dereito.


Despois do traballo xuntámonos todos para compartir durante un tempo cancións e mensaxes de paz. Unha canción en inglés interpretada polos alumnos de 5º e 6º e unha canción en galego cantada polos nenos e nenas  de 1ºA acompañados polos nenos de 4 anos. Despois de ler cada clase a súa mensaxe de paz, intercambiamos  os globos que  un a un foramos enchendo nas aulas cos nosos desexos. De seguro que foi unha bonita sorpresa descubrir as mensaxes que había agochadas no seu interior.

domingo, 1 de febreiro de 2015

MUMO. O museo móbil

E chegou o mércores 28 e os maiores de 5º e 6º de primaria, disfrutamos grazas a un sorteo entre moitos colexios de Vigo, da visita ao Museo Mumo, un museo rodante nun camión contenedor, que permaneceu soamente dous días na cidade, estacionado fronte a fachada do Marco. Cristian, un dos educadores da visita, explicounos como o museo é un auténtico "transformer" xa que polas estradas é un camión coma moitos. Ao chegar as distintas cidades, ábrese en catro compartimentos e o coello do artista Paul McCarthy desplégase cheo de aire coroando o teito. Falounos do ARTE CONTEMPORÁNEO, de como íamos disfrutar de obras de distintos artistas internacionais, que ofrecían as súas obras para compartilas con nenos de moitos países. Así soubemos que Daniel Burien vestiu os laterais do camión e Maurizio Cattelan abriu unha mirilla para observar unha obra chea de cores. Miguel Barceló, o noso recoñecido artista español,sorprendeunos coa obra "Cap de pitbull". MUMO irase a Francia, Luxemburgo e Suiza despois de vir ata Vigo e Pontevedra. Cando rematamos a visita a MUMO fixemos un obradoiro artístico dentro do Marco. Non esqueceremos este día en moito tempo!

LUDOTECAS LINGÜÍSTICAS 3º,5º e 6º P

O martes 27 de xaneiro, os rapaces de 3º,5º e 6º participaron nun obradoiro dentro do ximnasio onde se mesturou o deporte con xogos para fomentar o uso do galego. Tiveron que ir superando unha serie de probas de forma rotatoria e cooperativa. A hora e media que durou, pasou voando.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

No Nadal Melchor estivo no noso colexio

No nadal o rei Melchor estivo no noso cole.
Aínda que xa pasou máis dun mes dende entón querémosvos ensinar as fotos que nos fixemos cando lle entregamos as nosas cartas.