venres, 20 de febreiro de 2015

SAÍDA AO MUSEO OLIMPIO LISTE

Ao voltar ao colexio tralo Entroido, tiñamos ganas de máis mascarada así que os nenos e nenas de 1º A e 2º fomos coñecer os personaxes máis antigos do noso Entroido galego ao fabuloso Museo Olimpio Liste da nosa cidade. Unha vez alí dividímonos en dous grupos para ir cadaquén coa súa monitora. No obradoiro puidemos coñecer os personaxes que cada ano saen ás rúas nestas datas no Entroido: os cigarróns, os peliqueiros, os felos, a morena, as pantallas, os boteiros, o vergalleiro, o oso, os xenerais, os galáns e madamas, os merdeiros, os volantes, o Irrio e mesmo o troteiro. Algúns coñeciámolos  pero de seguro que non sabiamos de tantos personaxes interesantes na nosa xeografía. Menos mal que a monitora deunos trucos para poder diferencialos e poñer en práctica a nosa habilidade para recoñecelos cun xogo nun mapa. Tamén quedamos marabillados coa visita á exposición permanente. Aprendimos moitas cousas sobre a forma de vida, os oficios, as ferramentas de traballo e os costumes que había en Galicia hai tan só cen anos. Son moitas as salas con obxectos daqueles tempos: sala dos tecidos, sala dos oficios e mesmo descubrimos unha sala adicada á luz.... Unha fermosa sorpresa coñecer este magnífico museo da nosa cidade. Así que non dubidedes en achegarvos canto antes ata alí e desfrutar doutros tempos en familia.


ENTROIDO 2015

domingo, 15 de febreiro de 2015

SEMANA DA TROULA

O luns 9 de febreiro iniciouse a Semana da Troula coa "entronización" do noso meco. Como este curso traballamos arredor da luz a cousa estaba cantada. Lucerín foi a mascota elixida. E... quen é Lucerín? Un fermoso bebé- bombilla de baixo consumo que simboliza que a loita por conseguir un mundo mais sostible -tamén no eido da luz e a electricidade- ainda está en cueiros e que todos temos o deber de coidar esas pequenas iniciativas que vaian axudando a mellorar a calidade de vida no planeta. 
O primeiro que fixo Lucerín foi deixar claros os mandados para a semana e abofé que todos os nenos e nenas do cole cumpriron ben os seus desexos...





FOTOS  DA TROULA (XOGOS DE LUZ)

sábado, 14 de febreiro de 2015

PLAN PROXECTA: FROITA NA ESCOLA
Na semana do 19 ao 23 de xaneiro fixemos a degustación de diferentes froitas na hora do recreo: laranxa, pera, mandarina, plátano e mazá. Con este programa aprendemos a comer sano, variado e coñecer as propiedades das diferentes froitas que degustamos.



martes, 3 de febreiro de 2015

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ


O traballo que estivemos a facer durante estes días para Copo, o mouchiño de Xaneiro, reflectímolo no noso mural da Paz que luciú durante unhas horas coas luces acesas para simbolizar esa luz de esperanza coa que quixemos agasallar a tódolos nenos e nenas que non teñen medios para unha escola digna e de calidade... a algúns -como nos ensinou Copo- mesmo lle falta a luz!.
Cada aula decorou un brazo co que botábamos a voar os nosos desexos para un mundo mellor, mesmo no eido da escola.

Malala Yousafzai foi o outro eixo de traballo. A nena a quen lle deron o Premio Nobel da Paz por defender cáseque coa súa propia vida o dereito das nenas a recibir unha educación e acudir á escola. Dereito que temos que ter tódolos nenos e nenas do planeta. O segundo mural que enche a nosa entrada acolle algunhas das impresionantes e sinxelas frases que Malala ten pronunciado sobre este dereito.


Despois do traballo xuntámonos todos para compartir durante un tempo cancións e mensaxes de paz. Unha canción en inglés interpretada polos alumnos de 5º e 6º e unha canción en galego cantada polos nenos e nenas  de 1ºA acompañados polos nenos de 4 anos. Despois de ler cada clase a súa mensaxe de paz, intercambiamos  os globos que  un a un foramos enchendo nas aulas cos nosos desexos. De seguro que foi unha bonita sorpresa descubrir as mensaxes que había agochadas no seu interior.

domingo, 1 de febreiro de 2015

MUMO. O museo móbil

E chegou o mércores 28 e os maiores de 5º e 6º de primaria, disfrutamos grazas a un sorteo entre moitos colexios de Vigo, da visita ao Museo Mumo, un museo rodante nun camión contenedor, que permaneceu soamente dous días na cidade, estacionado fronte a fachada do Marco. Cristian, un dos educadores da visita, explicounos como o museo é un auténtico "transformer" xa que polas estradas é un camión coma moitos. Ao chegar as distintas cidades, ábrese en catro compartimentos e o coello do artista Paul McCarthy desplégase cheo de aire coroando o teito. Falounos do ARTE CONTEMPORÁNEO, de como íamos disfrutar de obras de distintos artistas internacionais, que ofrecían as súas obras para compartilas con nenos de moitos países. Así soubemos que Daniel Burien vestiu os laterais do camión e Maurizio Cattelan abriu unha mirilla para observar unha obra chea de cores. Miguel Barceló, o noso recoñecido artista español,sorprendeunos coa obra "Cap de pitbull". MUMO irase a Francia, Luxemburgo e Suiza despois de vir ata Vigo e Pontevedra. Cando rematamos a visita a MUMO fixemos un obradoiro artístico dentro do Marco. Non esqueceremos este día en moito tempo!

LUDOTECAS LINGÜÍSTICAS 3º,5º e 6º P

O martes 27 de xaneiro, os rapaces de 3º,5º e 6º participaron nun obradoiro dentro do ximnasio onde se mesturou o deporte con xogos para fomentar o uso do galego. Tiveron que ir superando unha serie de probas de forma rotatoria e cooperativa. A hora e media que durou, pasou voando.