mércores, 28 de decembro de 2016

NO PRIMEIRO TRIMESTRE PLANTAMOS BRECOL

Durante este trimestre, os alumnos de 1º de Primaria plantamos brecol no horto escolar. Primeiro preparamos a terra e fixemos os buratos. Despois cada un plantaba no burato a planta con un pouco de abono. Para rematar tapamos o burato e botamos un pouco de auga. Agora, a esperar que o ciclo se cumpla e os miremos medrar.









sábado, 24 de decembro de 2016

BO NADAL!

OS REIS MAGOS NO PÁRROCO

Sobre os Reis Magos todos sabemos que veñen na noite do 5 de Xaneiro, pero nestes tempos modernos é doado que un deles colla un avión e veña facernos unha visita para recoller personalmente as nosas cartas e sobre todo preguntar directamente se todo o mundo se portou como se tiña que portar. Eso foi o que fixo o Rei Gaspar, quen escolleu achegarse ata o noso cole o mércores 21 e escoitar as peticións dos nosos nenos. Tódolos pequenos dun en un (ata os de primeiro!) sentáronse no seu colo para sentilo ben preto e darlle unha boa aperta. Nós os adultos -e tódolos pobos, vilas e cidades de Galicia con nós- temos medrado con esta tradición que nalgúns momentos parece que vai ser engulida por outros personaxes de fóra. Dende aquí invitámosvos a manter acesa "a lús" dos Reis Magos e conserva-lo noso. Invitámosvos a manter a ilusión dos nenos ata o final das vacacións, ainda que teñan alguna cousiña antes para se entreter. Non lles vai facer ningún mal aprender a esperar.! E para xogar sobra o resto do ano! Velahí tendes as fotos.

TRADICIÓNS GALEGAS: O APALPADOR

O Apalpador representa a tradición máis senlleira da conca alta do Miño, na zona do Courel, e baixa a apalpar as barriguiñas dos nenos na noite do  21 de Nadal. No cole desfrutamos do seu bó facer todos xuntos en dúas sesións matinais o martes 20; primeiro os máis pequenos e despois os maiores. Mágoa que estivera un pouco maliño...e que no inverno xa se sabe!. Aínda así conseguiu tirar por nós e facernos desfrutar coas súas cousiñas. Foi un intre verdadeiramente máxico. Aquí deixámosvos as fotos.

mércores, 14 de decembro de 2016

Charla sobre cetrería

Hoxe Rubén, o pai de Lucía e Sara, veu ao noso colexio para darnos unha charla sobre cetrería e presentarnos as aves que adestran: Odín e Perla.  Odín é un fermoso azor e Perla é o falcón que está a adestrar Lucía.
Contounos cousas moi interesantes destas fermosas aves relacionadas tanto coas características, formas de vida, orixe coma outras moitas curiosidades. Amosounos esqueletos de bicos de aves e respondeu a todas a preguntas que lle fixemos. 
Ao final Lucía fíxonos unha demostración dos adestramentos que fai co seu falcón Perla.  Púxose ao final do ximnasio onde nos atopábamos e todos quedamos en absoluto siilencio, logo asubiando chamou a Perla entón o falcón chegou voando a pousarse na súa man. 
Lucia noraboa polo traballo o fixeches moi ben! Graciñas a Rubén e as súas aves por compartir connosco esta afección
.

venres, 2 de decembro de 2016

O Apalpador

Como estamos en decembro e xa chega o tempo do Nadal aqui tendes unha canción sobre un personaxe moi especial: o Apalpador.






xoves, 1 de decembro de 2016

OBRADOIRO DE CIENCIAS

Este luns, 28 de novembro, recibimos a visita na nosa escola dun home chamado Marcelo que nos desvelou os segredos da pasta de dentes: os seus ingredientes, para que serve cada un deles, o seu uso... e así fixemos coas nosas propias mans unha estupenda e ecolóxica pasta dentrífica. Encantounos!


mércores, 23 de novembro de 2016

Os saquitos aromáticos de 3º de primaria

O pasado venres 18 de novembro, o alumnado de 3º asistiu a un obradoiro de "Saquitos Aromáticos", no que aprenderon a distinguir distintas herbas como a menta, o tomiño, a herba luisa..., entre outras, e os diversos usos que teñen. Tanto aprenderon, que ao final fixeron eles mesmos o seu propio saquito aromático!!

venres, 18 de novembro de 2016

Así foi o noso Magosto

O pasado venres 11 de novembro celebramos o magosto no colexio.
Os máis pequenos da escola fixeron talleres rotando polas distintas aulas de infantil e mesturándose así os nenos de diferentes cursos. Deu tempo para todo: aprender unha canción e un baile tradicional, gozar dun contacontos e ata decorar as súas propias coroas de magosto.
En primeiro e segundo pasárono estupendamente xogando ao ferrón, ao xogo dos aros e as carreiras transportando saquiños na cabeza. En terceiro e cuarto xogaron á comba, ao pano e ao paracaidas e en quinto e sexto gozaron xogando a petanca, á recollida de mazorcas e ao xogo de levar coa culler a castaña.

Logo de tanta actividade por fin chegou o momento de degustar as deliciosas castañas que con tanto agarimo prepararon Sol e o profe Luís. Moitas grazas, estaban deliciosas!!.

xoves, 10 de novembro de 2016

Recursos sobre o Magosto

O vindeiro venres 11 de novembro celebraremos todos xuntos unha das festas máis senlleiras da nosa Terra: O Magosto. Se queredes saber máis cousiñas sobre o Magosto fai clic na imaxe e atoparedes moitos recursos.
 Recursos para o Magosto

mércores, 9 de novembro de 2016

SAMAÍN 2016 NO PÁRROCO

Durante a derradeira semana de outubro fixemos diversas actividades nas aulas para traballar o Samaín. 
Por fin cando chegou o venres os nenos e nenas maiores do colexio saimos ao monte para celebralo dun xeito diferente e os nenos e nenas de educación infantil, primeiro e segundo de primaria quedamos no colexio facendo manualidades, baleirando cabazas, disfrutando da festa de disfraces e da sesión de cine. 
Como veredes nos seguintes videos: Pasámolo de medo!!.

sábado, 29 de outubro de 2016

De ruta de sendeirismo pola nosa contorna

O 28 de outubro saímos do colexio  un grupo de rapaces de 5º e 6º para facer unha ruta a pé, baixo as explicacións de dúas biólogas que coñecen moi ben Santo André de Comesaña. A primeira parada foi polo Cristo de Outeiro (escola antiga) do barrio. Logo ao Lavadeiro e o Muíño de Rodeira. Continuamos a andaina a Pedra Blanca pasando debaixo da ponte. Fixemos outra parada no lavadeiro e Muiño de Rial, ata o Muíño de Bras. Alí tomamos un tentempé para regresar por unha baixada que é parte do Camiño de Santiago. Regresamos ao cole para disfrutar do patio ata que chegou a hora de voltar a casa. Foi  unha andaina moi relaxada e chea de explicacións a mar de interesantes.

luns, 24 de outubro de 2016

Samaín

Premendo na cabaza atoparedes todo tipo de recursos para traballar o Samaín.
 Samaín

xoves, 6 de outubro de 2016

Saída ao PIT do Castro 6º P

Este mes de outubro os alumnos/as de sexto comezamos cunha saída das que esperamos con moitas ganas. O mércores 5 fomos ata o circuíto do parque de bicicletas do Castro. Alí fixemos un xogo de Educación Viaria coa Policía Local de Vigo. Poñémonos no papel de peóns, conductores de bicicletas e de policías para saber como actuar desde as diferentes visións.

venres, 24 de xuño de 2016

FIN DE CURSO EN PRIMARIA

De 2º a 6º con despedida incluida tódolos alumnos do cole foron desfilando  o pasado martes e amosándonos as súas dotes artísticas. Aquí están as fotos. As de 1º e infantil teredes que velas no blogue de infantil.
Foi un acto entretido e emotivo cando lle tivemos que dicir ata sempre os rapaces e rapazas de 6º de Primaria e máis á nosa profe Abby e a súa nai Trudy.

mércores, 8 de xuño de 2016

Visita de Fina Casalderrey en 1º e 2º

Hoxe os nenos do Párroco don Camilo tivemos a gran sorte de recibir a visita dunha das máis queridas, lidas e reeditadas escritoras galegas: a recoñecedísima escritora Fina Casalderrey. Moitos xa saberedes que conta con múltiples premios entre os que destacan: o Premio Merlín de Literatura Infantil 1991 por Dúas bágoas por Máquina, o Premio Edebé de Literatura Infantil 1995 por O estanque dos parrulos pobres, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996 e o Barco de Vapor por O misterio dos fillos de Lúa, o Premio Cidade de Pontevedra 1996 pola totalidade da súa obra, as súas candidaturas ao Astrid Linberg ou o Premio Frei Martín Sarmiento 2014 por O neno can libro incluido na lista Outstanding Books for young people with disabilities 2013. Dende novembro de 2013 forma parte da Real Academia Galega. Con semellante "mochila literaria", non podíamos polo menos afondar un pouco e coñecer un pouco máis a súa vida e obra, así que os nenos de 1º e 2º puxémonos mans á obra semanas antes da súa visita traballando sobre o libro Quen me quere adoptar? e facendo diversos traballiños sobre esta obra nas aulas. Xa por fin na biblioteca, escoitamos con moito interese anécdotas e diversos aspectos relacionados coas súas vivenzas que inspiran e influen na súa obra. Fina adicounos cariñosamente palabras preciosas e axudounos a soñar por un momento que tamén podemos ser escritores, aprendendo a dicir cousas bonitas e expresándonos de "xeito literario". Logo puidemos conversar con ela e é que tiñamos moitas cousas que preguntarlle e que ela agarimosamente respondeu como somentes saben facer os escritores: engaiolándonos coas súas máxicas palabras. Todo un luxo para os nosos ouvidos!. Por último, e como o tempo corría, asinounos os nosos exemplares do libro. Un millón de grazas Fina por vir o noso colexio, de seguro que non o esqueceremos!!

O CONTO DA AZUZAINA

Ao longo de tres pases o 1, 2 e 7 de xuño, os alumnos/as de Primaria fomos invitados a representación da obra "O conto da Azuzaina", onde José Carlos, Herminio e Fran crean un espectáculo familiar que integra música en directo, malabares e outros recursos para tratar a temática da diversidade familiar.
   Todo comeza na imprenta de Azuzaina, onde chega un encargo urxente; o libro das familias.
Os traballadores terán que facer un gran esforzo utilizando divertidas e aloucadas estratexias para completar o traballo a tempo.
  O paseo ao centro cultural "Nautilius",  que temos moi preto do noso cole mereceu a pena,  porque o disfrutamos moitísimo.



martes, 31 de maio de 2016

VISITAMOS O SUPERMERCADO

Hoxe os nenos e nenas de segundo de primaria fomos a visitar o supermercado GADIS da rúa Rosalía de Castro, na nosa cidade. Ao chegar recibiunos Paula, a nosa monitora, que nos amosou a pirámide dos alimentos e de estilos de vida saudable. Vimos que ten as mesmas cores do semáforo e que serve tanto para clasificar os alimentos segundo a súa frecuencia de consumo como as actividades que debemos facer para ter unha boa saúde. Na base da pirámide atópanse os alimentos máis saudables e que debemos tomar a diario como o leite e os lácteos, verduras, froitas, pan, cereais, arroz, patacas, pasta e auga. No seguinte escalón aparecen os  alimentos que debemos tomar varias veces á semana coma os peixes, as carnes magras, os ovos, os legumes e os froitos secos. Por último, na parte máis alta están os alimentos de consumo ocasional como a margarina, os doces, bolería, lambetadas, refrescos... Despois de coñecer ben a pirámide fomos visitar as distintas seccións do súper para coñecer ben os alimentos que podemos atopar en cada unha delas: froitería, carnicería, lácteos, etc e vimos os traballos que ali desempeñan os empregados do super, como o da nai do noso compañeiro Rubén e que nos recibiron con moita amabilidade. Para rematar a visita, agasalláronnos cunha mochiliña cuns alimentos e unhas fichas que traballamos logo na clase coa profe como actividade final de todo o aprendido hoxe.

luns, 30 de maio de 2016

HORTO ESCOLAR

UN ANO MÁIS TRABALLAMOS NO HORTO ESCOLAR Como todos os anos, continuamos co noso traballo no horto escolar. Este curso, o tempo non axudou demasiado. Aínda así, plantamos no inverno rabanitos e cebolas e na primavera tomates. Esta actividade está dentro do proxecto FROITA NA ESCOLA. O noso obxectivo e que os alumnos aprendan a ter hábitos de comida saudables, coman máis froitas e verduras e non teñan unha vida sedentaria. Os alumnos de 3º e 2º plantamos e recollemos cebolas e os alumnos de 4º tamén plantamos rabanitos. Agora, na primavera, xa botamos uns tomatiños.

domingo, 29 de maio de 2016

XORNADAS DE DEPORTE INCLUSIVO "PONTE NA SÚA PEL"

PONTE NA SÚA PEL O pasado 26 de maio, os alumnos de 4º e 5º de Primaria participamos nunhas Xornadas de Deporte Inclusivo, organizadas pola Fundación Isidre Esteve, o Centro Ponte e o Servizo Provincial de Deporte da Xunta de Galicia. O obxectivo desta invitación foi vivir unha experiencia e ensinarnos a importancia do deporte adaptado cara a normalización das persoas con discapacidade. Deste xeito practicamos diferentes actividades físicas de deporte adaptado e así puxémonos na pel destas persoas, comprendendo a realidade doutros nenos con problemas de mobilidade. As diferentes actividades físicas que practicamos foron: Goalball, Fútbol para invidentes, Baloncesto en cadeira de rodas, Voleyball adaptado, Bádminton, Indiakas, Carreira de obstáculos para invidentes.


 QUÉN É ISIDRE ESTEVE?

 Isidre é un motorista de RALLYS español. No ano 2.007 sufríu unha lesión nas vértebras nun accidente e quedou nunha cadeira de rodas. Hoxe corre en RALLYS todo terreo grazas ao seu esforzó e superación persoal. A súa Fundación adícase: Á investigación médica, a empregar o deporte como ferramenta de motivación e superación e a mellorar a movilidade das persoas con discapacidade física e normalizar a súa vida diaria.

 No campo de fútbol de O Vao atópase esta Fundación e o Centro Ponte, onde realizan esta estupenda actividade coas persoas con problemas de mobilidade. Tamén hai outras comunidades onde funciona esta Fundación, como es Cataluña. Para recaudar fondos para todas as actividades que realizan, fan unha xornada deportiva solidaria que se chama a CORUXO-MÓVESE., onde unha persoa con discapacidade pode compartir exercicio con outras con o sin discapacidade e compartir deporte todos xuntos. SERÁ O 5 DE XUÑO NA PRAIA DO VAO. centroponte@fundacionisidreesteve.org www.fundacionisidreesteve.org

luns, 23 de maio de 2016

Saída de 4º e 5º ao Museo de Pontevedra

O pasado venres 20 de maio, cuarto e quinto fomos de visita ao "Sexto Edificio" que forma parte do Museo de Pontevedra.
 Posee 23 salas de exposición permanente, onde a evolución da arte galega vai desde o gótico ata a actualidade.
 Ao chegar separámonos para facer dous rutas diferentes.
 Os de cuarto disfrutaron dun percorrido polas coleccións de obxectos arqueolóxicos, xunto coa orfebrería e metalurxia prehistórica e da epigrafía romana.
 Os de quinto subimos ata a terceira planta e durante hora e media fixemos de detectives de arte.

 Traballamos cunha ficha de "Trazos de arte contemporánea dos séculos XX e XXI". A través dunha historiadora de arte, acercámonos un pouco máis a analise de cores, técnicas, e características dunha etapa.

sábado, 21 de maio de 2016

2º A e 2ºB de Visita no Museo do Mar de Vigo

       O xoves 19 de maio os nenos e nenas de segundo visitamos o Museo do Mar de Vigo, actividade programada coma guinda final ao noso traballo de investigación do P.D.I. deste ano "Galiza de faro a faro". Deste xeito repasamos cousiñas traballadas na clase, coñecimos moitas outras, esclarecimos algunhas dúbidas e desfrutamos moitísimo das actividades.
       Nada máis chegar fixeron dous grupos, asi que nos separamos os de 2º A e 2º B con cadansúa monitora e mestra para ver por separado as actividades que nos tiñan preparadas. 
     Participamos no obradoiro "A casa dos vellos mariñeiros" onde  internámonos no mundo da cultura tradicional mariñeira de Galicia. Convertímonos en mariñeiros pescando nun mar azul de tea cheo de peixiños de papel da nosa ría. Pescamos e pescamos e transportamos os peixiños nas patelas. De tanto pescar non nos decatáramos que pouco a pouco foron desaparecendo case tódolos peixiños daquel fermoso mar....asi que reflexionamos e percatámonos de que deste xeito estinguiríanse os peixes do mar. Reflexionamos e chegamos a conclusión de que aínda que para remediar un pouco o asunto pódese criar en cautividade peixes dalgunhas especies coma os rodaballos 8que sabemos moi ben que hai unha piscifactoría moi preto do Faro de Cabo Vilán), o máis importante é facer pesca sostible, respetando os cupos e as tallas mínimas dos peixes.
        Logo faláronnos dalgunhas especies que por mor de tanta pesca quedaron en perigo de extinción coma as baleas, e aínda que xa na década dos oitenta prohibiuse a súa pesca e a pesar de pasar máis de trinta anos tardarán moitos, moitísimos anos en recuperarse as súas poboacións nos mares e océanos do mundo. Para vivir a situación puxémonos un sudeste ben amarelo na cabeza e xogamos a pescar con arpón dende una embarcación como facían daquela. Aínda que nós xa sabiamos moitas cousas de mamíferos mariños aprendimos que dependendo do que comen teñen dentes ou barbas e mesmo que a graxa de balea servía para iluminar as casas antiguamente, ainda que en Galiza empregábase a graxa da sardiña. Descubrimos que en Galiza a industria enlataba a carne de balea para comercializar con Xapón e vimos un arpón moi grande ao que lle metían explosivos o que volvía a caza de baleas moi cruenta. 
      Despois de tanta emoción e de camiño ao acuario vimos unha escultura dunha serea, varias embarcacións tradicionais, motores antigos a vapor "coma o do Serpent" e tamén a gasoil coma o do Prestige, o esqueleto dunha femia de cachalote, a maqueta do Beagle co que Darwin deu a volta ao mundo, o faro do Museo, etc. Xa no acuario, coñecimos a pequena escala, os tres ecosistemas que van dende o Museo ata a costa das Illas Cies: o da costa, o da ría e a dos fondos das illas. Vimos peixes planos como o rodaballo, o linguado ou as raias, dúas especies de quenllas: a pintarroxa e a musola estrelada ou cazón branco, peixes velenosos coma o cabracho e moitos outros coma sargos, pintos, maragotas, rodaballos, cabrillas, xurelos, peixes rocha, centolos, langostas, etc. A nosa monitora mesmo solucionounos algunas dúbidas e descubrimos que o ovo que tiñamos os de 2º A na aula é dunha raia e vimos que hai algún alí no acuario pero noutras etapas de desenvolvemento.
    A visita programada chegara ao seu fin, pero os nenos e nenas de 2º A non puidemos marcharnos sen pararnos a contemplar unha pequena parte do castro "esquecido" Castro da Punta do Muiño do Vento, antes de achegarnos á exposición "Faros, Sinais e Desastres Marítimos" onde fixemos un repaso pola historia dalgúns faros en Galicia, vimos a obra "O paso" do escultor Francisco Leiro coma homenaxe á Marea Branca que tanto axudou no desastre do Prestige e que tanto nos impactou cando traballamos o faro de Cabo Vilán, vimos un Trofeo Teresa Herrera coa forma da Torre de Hércules, mecanismos de iluminación de faros e mesmo un aparello óptico para medir distancias chamado "telémetro".
    As nosas mestras prometérannos un picnic na praia, pero como estaba toda a area mollada o fixemos alí mesmo no xardín de entrada do museo.
      E por fin aqui tendes as imaxes do que foi ese día.

martes, 17 de maio de 2016

DÍA DAS LETRAS GALEGAS. MANUEL MARÍA

Este ano o Día das Letras Galegas foi adicado a Manuel María. 
Aquí tendes os carteis informativos que se puxeron sobre a vida e obra de Manuel María onde os rapaces podían buscar información para traballar diversas unidades didácticas nas aulas.
Ao seu carón atopábase un pequeno retrato que fixeron sobre o autor e onde tiñan que ir coller fotos, para logo nas aulas, asocialas aos poemas de Manuel María das obras "Os soños na gaiola" e "As rúas do vento ceibe" .

Logo de traballar diferentes poemas, en cada aula escolleron un deles para poñer con cadansúa foto e cadansúa palabra "especial" no mural colaborativo que atópase na planta baixa do colexio e no que tamén hai un retrato que fixeron en 2ºA inspirandose  na ilustración de Leandro Lamas da portada do libro disco "Canta o cuco. Uxía e Magín na casa de Manuel María".
 
 Como xa puidestes ver un chisquiño no blogue da biblioteca, xa sabedes que tódalas aulas botámonos con entusiasmo a traballar na figura de Manuel María e que foi moito o balbordo que se formou esta semana nos corredores; nenos e nenas que subían e baixaban lendo a información de Manuel María; que escribían nas escaleiras para completar as actividades propostas en cada aula; que pintaban un mural coa figura do poeta; que respondían a súa chamada para facer unha procura de poemas a partir dunhas imaxes que nos deixara nun misterioso peto deste mural; que compoñían un fermoso mural  con estas imaxes e poemas  na planta baixa; que escollían entre todos a palabra mais fermosa ou mais significativa; que se xuntaban na biblioteca para elaborar unhas fermosas flores-poemas,...un montón de traballo,  moito do cal non coubo nas paredes e levarémolo gardadiño nas nosas carpetas e libretas.
Así que se queredes ver un chisquiño máis do que foi a semana aquí tendes unha mostra.


 

venres, 13 de maio de 2016

DÍA DA POESÍA NA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Como o día da poesía coincidiu este curso coas vacacións de Semana Santa deixamos esta celebración para a semana das Letras Galegas. 
Que mellor xeito de traballar a poesía que da man de Manuel María!
Os nenos e nenas coñeceron vida e obra do homenaxeado este ano. Nas aulas traballaron con diferentes recursos  impresos, musicais, dixitais....e os nenos e nenas coñeceron así una morea de poemas das súas obras poéticas adicadas aos máis cativos "Os soños na gaiola" e "As rúas do vento ceibe". A semana deu para moito: ler, escoitar, recictar, cantar, debuxar e mesmo crear novas poesías.
Deste xeito e malia a chuvia dese día, o venres 13 o noso colexio encheuse de fermosos versos e poesías!. 

Día da Poesía 2016 - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

xoves, 12 de maio de 2016

HÁBITOS DE CONSUMO SAUDABLES

O martes, día 10 de maio, os nenos e nenas de 1º e 3º fixemos unha saída didáctica a un supermercado moi coñecido da nosa cidade. Nada máis chegar recibiunos unha muller que, nun recuncho do super, amosounos unha pirámide alimenticia e explicounos o seu contido. Logo fixemos un percorrido polas distintas seccións do mesmo e aprendemos moitas cousas: a ler os letreiros que nos explican a orixe, o nome e o prezo das froitas, a mirar a información nutricional dalgúns alimentos envasados e mesmo a diferenciar o peixe azul do branco así como a súa frescura.
 Voltamos á escola cunha mochila que tiña un agasallo moi saudable para gozar da nosa merenda...

mércores, 11 de maio de 2016

ACTIVIDADE DA FUNDACIÓN CELTA DE VIGO

O luns 9 de maio os nenos e nenas de 2º, 3º, 4º,5º e 6º tivemos a oportunidade de disfrutar dunha actividade de Educación Física estupenda da man de dous entrenadores da Fundación  Celta de Vigo.
Pasámolo moi ben ao mesmo tempo que aprendimos as técnicas que empregan os futbolistas profesionais.
Logo de tanto entreno, agasalláronnnos con fotos dos nosos queridos futbolistas do Celta, algunhas mesmo estaban asinadas, e mesmo tivemos tempo de repoñer forzas cun pequeno almorzo que nos ofreceron.
Moitas grazas pola actividade!. Aqui tendes unha mostra do que foron as distintas sesións.

mércores, 4 de maio de 2016

VIGO RECICLA EN 2º, 3º E 4º DE PRIMARIA

É unha sorte vivir nunha das cidades máis limpas de España. O noso colexio tamén queremos que sexa dos máis limpiños asi que desta vez o luns 2 de maio foron os nenos e nenas de 2º, 3º e 4º os que participamos no programa educativo "Vigo Recicla" promovido polo Concello de Vigo. Deste xeito recordamos a importancia que ten a separación dos distintos residuos e materiais para a conservación e protección do medio ambiente. O repaso viunos como auga de maio xa que últimamente parece que se nos estaba esquecendo empregar as papeleiras logo do almorzo no tempo de recreo. É moi importante que todos nos fagamos responsables do coidado do noso contorno. Co que nos gusta a todos atopar todo ben limpiño, temos que esforzarnos por non ensuciar e empregar as papeleiras e contedores!!. Xa nos dicía a monitora Noelia "non é máis limpo o que máis limpa, senón o que menos ensucia". Asi que a seguir practicando...

martes, 3 de maio de 2016

FROITA NA ESCOLA DO 18 AO 22 DE ABRL

No noso colexio non nos cansamos de insistir e recordar que é necesario fomentar o hábito de consumo de froita entre os nenos e nenas. Unha vez máis na semana do 18 ao 22 de abril participamos no programa Alimenta-T Ben da Consellería de Medio Rural. Cada día almorzamos unha variedade de froita: mandarinas, plátanos, mazás, amorodos e nésperos. Aquí tendes as fotos, para que vexades que comer froita sempre é un éxito, e moito máis se hai amorodos!!




venres, 22 de abril de 2016

O rato e os ventos en Kamishibai

Nesta semana do libro os nenos e nenas de 2º A tivemos o pracer de contarlles un conto que ten moito que ver co P.D.I deste ano aos nosos compañeiros da etapa de infantil. 
O conto elexido foi "O rato e os ventos", un dos sete contos de Arnold Lobel do seu libro "Contos de ratiños" editado por Kalandraka.
O formato que eleximos para contalo foi o do Kamishibai que rescatamos coma preciado tesoro e que non sabemos moi ben como chegou ao noso colexio xa que ao parecer veu de Xapón.
Días antes da función tivemos moito traballo, organizarnos, repartir as tarefas, preparar as ilustracións, os textos, decidir a orde para participar todos, escribir, pintar,ensaiar, calcular cantos espectadores teríamos e mesmo facer agasallos para todos os nosos convidados.
Por se iso fora pouco, pensamos que tamén podíamos ensinarlles aos pequenos do cole algunha canción mariñeira para que nos axudasen a animar a función.
Logo uns voluntarios quixeron contar outro conto inventado "O naufraxio" e facer un pouco de maxia con papiroflexia.
Foi moi divertido e pasámolo moi ben todos xuntos nas dúas sesións que fixemos: o martes xunto cos nenos e nenas de 3 e 4 anos e o mércores cos de 5.
Aqui tendes as fotiños do que foron as funcións. Agardamos que vos gusten tanto coma a nós!.

luns, 18 de abril de 2016

Visita de Érica Esmorís

O xoves 14 de abril, os alumnos de 5º e 6º de primaria tivemos a visita da autora Érica Esmorís, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015, co seu libro "Nena e o mar". Ao longo de hora e media, fixo un percorrido da súa vida como escritora. Contounos a súa paixón polos animais, o mar e a creación literaria. Como é o seu proceso escritor desde que comenza un libro, ata que o finaliza. Este libro foi adicado ao seu neno-serea, un gato precioso chamado Pepe. Escoitamos tamén a banda sonora que compuxo o seu mozo para "Nena e o mar". Despois de adicarnos o libro, invitámola a ver unha pequena exposición de maquetas e debuxos que xurdiron despois da lectura.

mércores, 13 de abril de 2016

Rasi deunos unha sorpresa

Como sabedes os nenos e nenas de 1º e 2º queremos moito aos personaxes da cuadrilla da esquio. Tódolos días aprendemos cousas nas aulas con eles e mesmo cada semana levamos a nosa mascota Rasi para as casas para compartir con ela algunhas cousiñas das nosas vidas. Logo cando o traemos de volta á escola contámoslles todas as vivencias aos nosos compañeiros e amosámoslles os debuxos ou fotos que fixemos con ela no libro viaxeiro.
Asi que imaxinade que alegría levamos cando o pasado mércores día 6 baixamos á biblioteca e estaba agardando por nós a máis especial personaxe da cuadrilla do esquio: Rasi.
Foi moi soprendente ver o seu tamaño "real", bailamos, cantamos, demóslles apertas e bicos e mesmo fixemos un debuxo.
Aqui tendes as fotos para que botedes unha ollada.

sábado, 27 de febreiro de 2016

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Con motivo do 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o mércores 24 de febreiro foron varias as actividades que fixemos no Párroco para celebrar ese día.
Nada máis chegar ao colexio, atopamos unha sorpresa nas nosas aulas, era unha invitación do mouchiño da biblioteca para xuntarnos alí e ler, cantar, ou recitar unhas verbas.
Así que nas aulas estivemos investigando e coñecendo un pouco máis a vida e obra da poeta maior de Galicia, limos poemas, fixemos debuxos e levamos para as nosas familias unha tarxeta postal cunhas verbas do poema "Alborada" de Cantares Gallegos, sumándonos deste xeito á proposta da  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para conmemorar unha vez máis o Día de Rosalía de Castro.

              Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!

Canta que fuxeu a noite.
Logo xuntámonos na biblioteca onde os nenos e nenas de 5 anos recitaron a ritmo de rap un anaquiño do poema "Lugar tan fermoso" e os nenos e nenas de 2º A recitaron un cachiño do poema Alborada e mesmo o cantaron acompañados da música do libro-disco "Rosalía pequeniña" de Uxía. 

xoves, 25 de febreiro de 2016

Camiña con nós pola igualdade en 2º de primara

O luns 22 de febrerio os nenos e nenas de 2º participamos dunha actividade do programa "Camiña con nós pola igualdade" promovido pola Concellería de igualdade do noso Concello.

A Elsa xa a coñeciamos de cando estabamos en infantil, e recordounos que todos somos únicos e exclusivos e que todos temos os mesmos dereitos e debemos ter as mesmas oportunidades para poder acadar e falar de igualdade. Falamos moito do asunto, uns o tiñan máis claro ca outros e para comprendelo mellor fixemos un xogo con imaxes onde todos participamos e expresamos as nosas opinións.

domingo, 14 de febreiro de 2016

ENTROIDO 2016

O venres 5 de febreiro celebramos o Entroido no colexio. Xa que a temática do P.D.I. deste curso é "Galicia de faro a faro", nas aulas deixamos voar a nosa imaxinación e ocorreusenos disfrazarnos de todo: peixeiras, mariñeiros, sereas, pescadores, fareiros, socorristas, redeiras, mariscadores.....e ata do mesmiño mar.
Grazas as familias que puidestes acompañarnos neste día. Para os que non puidestes vir, polo menos aqui tendes unha mostra do que foi o desfile, o baile do "Cocodrilo" e as coplas que fixeron os maiores do colexio. Agardamos que disfrutedes das fotos, tanto coma nós o fixemos ese día.
Saudiños.

xoves, 4 de febreiro de 2016

RECURSOS PARA O ENTROIDO

Xa que se achegan as vacacións de entroido e por se entre troula e troula tendes un anaco de tempo. Deixámosvos un enlace a diversos recursos para traballar esta temática.
PREME AQUI

sábado, 30 de xaneiro de 2016

CONVIVENCIA DO DÍA DA PAZ 2016

Logo de traballar eses días arredor da temática da Paz nas aulas e de deixar a nosa pegada no mural. O venres 29 de xaneiro xuntámonos todos no ximnasio do colexio para adicarlles aos nenos do mundo un chisco de esperanza e ánimo cos arrolos que lles cantamos, as composicións que tocamos coas frautas, os poemas que recitamos e ata coa animada canción cantada por todos en inglés. Aquí tendes unha mostra do que foi ese fermoso día.

venres, 29 de xaneiro de 2016

MURAL NO DíA DA PAZ 2016

Este ano queríamos adicarlles no Párroco o día da Paz a tódolos nenos e nenas que están a sufrir as consecuencias das guerras no mundo. Especialmente aos nenos e nenas refuxiados.....
Nós ainda que somos moi cativos, podemos facer moitísimas cousas para cambiar o mundo e facer que sexa un mundo mellor.....xa o falamos nas aulas cada día, aínda que as veces se nos esquece un pouquiño...
Pero para celebrar este fermoso día de convivencia e colaboración entre todos e grazas as indicacións do mouchiño de biblioteca fixemos un precioso mural que podedes ver na entrada do colexio. 


Esa foi tan só unha pegada que quixemos deixar nese día de esperanza, adicándolles a tódolos nenos do mundo una estrela chea de reatratos, os nosos, os deles,  xunto cun poema do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano Manuel María  "A estrela se nome" toda ela rodeada de sons e arrolos inventados, vividos, soñados. Moitas grazas as familias pola vosa achega e colaboración.








mércores, 27 de xaneiro de 2016

Obradoiro "Doce de mazá" con 5º e 6º de primaria.

      Aproveitando que este ano tivemos varias semanas con "Froita na escola", o 26 de xaneiro, 5º e 6º de Primaria fixemos un obradoiro con froita de inverno, para ver o proceso de elaboración do "Doce de mazá".

       O proceso o resumimos nunha ficha técnica con sete puntos básicos para completar. 1º Nome do produto 2º Descripción 3º Listaxe de ingredintes 4º Descripción do proceso de elaboración e o seu modo de preparalo 5º Tempo de cocción 6º As condicións de almacenamento 7º A duración e a vida útil do produto.

       O mellor de todo foi o momento de probar o doce enriba dunhas tostas. Estaba riquísimo!

sábado, 23 de xaneiro de 2016

FROITA NA ESCOLA XANEIRO 2016

Un ano máis no Párroco queremos fomentar o hábito de consumo de froita entre os nenos. Deste xeito solicitamos o programa Alimenta-T Ben da Consellería de Medio Rural. Desta vez, na semana do 18 ao 22 de xaneiro tomamos de merenda: plátanos, laranxas, mazás, peras e amorodos. Aquí tendes una pequeña mostra do moito que lles gusta a froita aos nosos cativos.
Premendo na seguinte imaxe podedes acceder a un xogo.

Preme na imaxe para xogar