martes, 31 de maio de 2016

VISITAMOS O SUPERMERCADO

Hoxe os nenos e nenas de segundo de primaria fomos a visitar o supermercado GADIS da rúa Rosalía de Castro, na nosa cidade. Ao chegar recibiunos Paula, a nosa monitora, que nos amosou a pirámide dos alimentos e de estilos de vida saudable. Vimos que ten as mesmas cores do semáforo e que serve tanto para clasificar os alimentos segundo a súa frecuencia de consumo como as actividades que debemos facer para ter unha boa saúde. Na base da pirámide atópanse os alimentos máis saudables e que debemos tomar a diario como o leite e os lácteos, verduras, froitas, pan, cereais, arroz, patacas, pasta e auga. No seguinte escalón aparecen os  alimentos que debemos tomar varias veces á semana coma os peixes, as carnes magras, os ovos, os legumes e os froitos secos. Por último, na parte máis alta están os alimentos de consumo ocasional como a margarina, os doces, bolería, lambetadas, refrescos... Despois de coñecer ben a pirámide fomos visitar as distintas seccións do súper para coñecer ben os alimentos que podemos atopar en cada unha delas: froitería, carnicería, lácteos, etc e vimos os traballos que ali desempeñan os empregados do super, como o da nai do noso compañeiro Rubén e que nos recibiron con moita amabilidade. Para rematar a visita, agasalláronnos cunha mochiliña cuns alimentos e unhas fichas que traballamos logo na clase coa profe como actividade final de todo o aprendido hoxe.

luns, 30 de maio de 2016

HORTO ESCOLAR

UN ANO MÁIS TRABALLAMOS NO HORTO ESCOLAR Como todos os anos, continuamos co noso traballo no horto escolar. Este curso, o tempo non axudou demasiado. Aínda así, plantamos no inverno rabanitos e cebolas e na primavera tomates. Esta actividade está dentro do proxecto FROITA NA ESCOLA. O noso obxectivo e que os alumnos aprendan a ter hábitos de comida saudables, coman máis froitas e verduras e non teñan unha vida sedentaria. Os alumnos de 3º e 2º plantamos e recollemos cebolas e os alumnos de 4º tamén plantamos rabanitos. Agora, na primavera, xa botamos uns tomatiños.

domingo, 29 de maio de 2016

XORNADAS DE DEPORTE INCLUSIVO "PONTE NA SÚA PEL"

PONTE NA SÚA PEL O pasado 26 de maio, os alumnos de 4º e 5º de Primaria participamos nunhas Xornadas de Deporte Inclusivo, organizadas pola Fundación Isidre Esteve, o Centro Ponte e o Servizo Provincial de Deporte da Xunta de Galicia. O obxectivo desta invitación foi vivir unha experiencia e ensinarnos a importancia do deporte adaptado cara a normalización das persoas con discapacidade. Deste xeito practicamos diferentes actividades físicas de deporte adaptado e así puxémonos na pel destas persoas, comprendendo a realidade doutros nenos con problemas de mobilidade. As diferentes actividades físicas que practicamos foron: Goalball, Fútbol para invidentes, Baloncesto en cadeira de rodas, Voleyball adaptado, Bádminton, Indiakas, Carreira de obstáculos para invidentes.


 QUÉN É ISIDRE ESTEVE?

 Isidre é un motorista de RALLYS español. No ano 2.007 sufríu unha lesión nas vértebras nun accidente e quedou nunha cadeira de rodas. Hoxe corre en RALLYS todo terreo grazas ao seu esforzó e superación persoal. A súa Fundación adícase: Á investigación médica, a empregar o deporte como ferramenta de motivación e superación e a mellorar a movilidade das persoas con discapacidade física e normalizar a súa vida diaria.

 No campo de fútbol de O Vao atópase esta Fundación e o Centro Ponte, onde realizan esta estupenda actividade coas persoas con problemas de mobilidade. Tamén hai outras comunidades onde funciona esta Fundación, como es Cataluña. Para recaudar fondos para todas as actividades que realizan, fan unha xornada deportiva solidaria que se chama a CORUXO-MÓVESE., onde unha persoa con discapacidade pode compartir exercicio con outras con o sin discapacidade e compartir deporte todos xuntos. SERÁ O 5 DE XUÑO NA PRAIA DO VAO. centroponte@fundacionisidreesteve.org www.fundacionisidreesteve.org

luns, 23 de maio de 2016

Saída de 4º e 5º ao Museo de Pontevedra

O pasado venres 20 de maio, cuarto e quinto fomos de visita ao "Sexto Edificio" que forma parte do Museo de Pontevedra.
 Posee 23 salas de exposición permanente, onde a evolución da arte galega vai desde o gótico ata a actualidade.
 Ao chegar separámonos para facer dous rutas diferentes.
 Os de cuarto disfrutaron dun percorrido polas coleccións de obxectos arqueolóxicos, xunto coa orfebrería e metalurxia prehistórica e da epigrafía romana.
 Os de quinto subimos ata a terceira planta e durante hora e media fixemos de detectives de arte.

 Traballamos cunha ficha de "Trazos de arte contemporánea dos séculos XX e XXI". A través dunha historiadora de arte, acercámonos un pouco máis a analise de cores, técnicas, e características dunha etapa.

sábado, 21 de maio de 2016

2º A e 2ºB de Visita no Museo do Mar de Vigo

       O xoves 19 de maio os nenos e nenas de segundo visitamos o Museo do Mar de Vigo, actividade programada coma guinda final ao noso traballo de investigación do P.D.I. deste ano "Galiza de faro a faro". Deste xeito repasamos cousiñas traballadas na clase, coñecimos moitas outras, esclarecimos algunhas dúbidas e desfrutamos moitísimo das actividades.
       Nada máis chegar fixeron dous grupos, asi que nos separamos os de 2º A e 2º B con cadansúa monitora e mestra para ver por separado as actividades que nos tiñan preparadas. 
     Participamos no obradoiro "A casa dos vellos mariñeiros" onde  internámonos no mundo da cultura tradicional mariñeira de Galicia. Convertímonos en mariñeiros pescando nun mar azul de tea cheo de peixiños de papel da nosa ría. Pescamos e pescamos e transportamos os peixiños nas patelas. De tanto pescar non nos decatáramos que pouco a pouco foron desaparecendo case tódolos peixiños daquel fermoso mar....asi que reflexionamos e percatámonos de que deste xeito estinguiríanse os peixes do mar. Reflexionamos e chegamos a conclusión de que aínda que para remediar un pouco o asunto pódese criar en cautividade peixes dalgunhas especies coma os rodaballos 8que sabemos moi ben que hai unha piscifactoría moi preto do Faro de Cabo Vilán), o máis importante é facer pesca sostible, respetando os cupos e as tallas mínimas dos peixes.
        Logo faláronnos dalgunhas especies que por mor de tanta pesca quedaron en perigo de extinción coma as baleas, e aínda que xa na década dos oitenta prohibiuse a súa pesca e a pesar de pasar máis de trinta anos tardarán moitos, moitísimos anos en recuperarse as súas poboacións nos mares e océanos do mundo. Para vivir a situación puxémonos un sudeste ben amarelo na cabeza e xogamos a pescar con arpón dende una embarcación como facían daquela. Aínda que nós xa sabiamos moitas cousas de mamíferos mariños aprendimos que dependendo do que comen teñen dentes ou barbas e mesmo que a graxa de balea servía para iluminar as casas antiguamente, ainda que en Galiza empregábase a graxa da sardiña. Descubrimos que en Galiza a industria enlataba a carne de balea para comercializar con Xapón e vimos un arpón moi grande ao que lle metían explosivos o que volvía a caza de baleas moi cruenta. 
      Despois de tanta emoción e de camiño ao acuario vimos unha escultura dunha serea, varias embarcacións tradicionais, motores antigos a vapor "coma o do Serpent" e tamén a gasoil coma o do Prestige, o esqueleto dunha femia de cachalote, a maqueta do Beagle co que Darwin deu a volta ao mundo, o faro do Museo, etc. Xa no acuario, coñecimos a pequena escala, os tres ecosistemas que van dende o Museo ata a costa das Illas Cies: o da costa, o da ría e a dos fondos das illas. Vimos peixes planos como o rodaballo, o linguado ou as raias, dúas especies de quenllas: a pintarroxa e a musola estrelada ou cazón branco, peixes velenosos coma o cabracho e moitos outros coma sargos, pintos, maragotas, rodaballos, cabrillas, xurelos, peixes rocha, centolos, langostas, etc. A nosa monitora mesmo solucionounos algunas dúbidas e descubrimos que o ovo que tiñamos os de 2º A na aula é dunha raia e vimos que hai algún alí no acuario pero noutras etapas de desenvolvemento.
    A visita programada chegara ao seu fin, pero os nenos e nenas de 2º A non puidemos marcharnos sen pararnos a contemplar unha pequena parte do castro "esquecido" Castro da Punta do Muiño do Vento, antes de achegarnos á exposición "Faros, Sinais e Desastres Marítimos" onde fixemos un repaso pola historia dalgúns faros en Galicia, vimos a obra "O paso" do escultor Francisco Leiro coma homenaxe á Marea Branca que tanto axudou no desastre do Prestige e que tanto nos impactou cando traballamos o faro de Cabo Vilán, vimos un Trofeo Teresa Herrera coa forma da Torre de Hércules, mecanismos de iluminación de faros e mesmo un aparello óptico para medir distancias chamado "telémetro".
    As nosas mestras prometérannos un picnic na praia, pero como estaba toda a area mollada o fixemos alí mesmo no xardín de entrada do museo.
      E por fin aqui tendes as imaxes do que foi ese día.

martes, 17 de maio de 2016

DÍA DAS LETRAS GALEGAS. MANUEL MARÍA

Este ano o Día das Letras Galegas foi adicado a Manuel María. 
Aquí tendes os carteis informativos que se puxeron sobre a vida e obra de Manuel María onde os rapaces podían buscar información para traballar diversas unidades didácticas nas aulas.
Ao seu carón atopábase un pequeno retrato que fixeron sobre o autor e onde tiñan que ir coller fotos, para logo nas aulas, asocialas aos poemas de Manuel María das obras "Os soños na gaiola" e "As rúas do vento ceibe" .

Logo de traballar diferentes poemas, en cada aula escolleron un deles para poñer con cadansúa foto e cadansúa palabra "especial" no mural colaborativo que atópase na planta baixa do colexio e no que tamén hai un retrato que fixeron en 2ºA inspirandose  na ilustración de Leandro Lamas da portada do libro disco "Canta o cuco. Uxía e Magín na casa de Manuel María".
 
 Como xa puidestes ver un chisquiño no blogue da biblioteca, xa sabedes que tódalas aulas botámonos con entusiasmo a traballar na figura de Manuel María e que foi moito o balbordo que se formou esta semana nos corredores; nenos e nenas que subían e baixaban lendo a información de Manuel María; que escribían nas escaleiras para completar as actividades propostas en cada aula; que pintaban un mural coa figura do poeta; que respondían a súa chamada para facer unha procura de poemas a partir dunhas imaxes que nos deixara nun misterioso peto deste mural; que compoñían un fermoso mural  con estas imaxes e poemas  na planta baixa; que escollían entre todos a palabra mais fermosa ou mais significativa; que se xuntaban na biblioteca para elaborar unhas fermosas flores-poemas,...un montón de traballo,  moito do cal non coubo nas paredes e levarémolo gardadiño nas nosas carpetas e libretas.
Así que se queredes ver un chisquiño máis do que foi a semana aquí tendes unha mostra.


 

venres, 13 de maio de 2016

DÍA DA POESÍA NA SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Como o día da poesía coincidiu este curso coas vacacións de Semana Santa deixamos esta celebración para a semana das Letras Galegas. 
Que mellor xeito de traballar a poesía que da man de Manuel María!
Os nenos e nenas coñeceron vida e obra do homenaxeado este ano. Nas aulas traballaron con diferentes recursos  impresos, musicais, dixitais....e os nenos e nenas coñeceron así una morea de poemas das súas obras poéticas adicadas aos máis cativos "Os soños na gaiola" e "As rúas do vento ceibe". A semana deu para moito: ler, escoitar, recictar, cantar, debuxar e mesmo crear novas poesías.
Deste xeito e malia a chuvia dese día, o venres 13 o noso colexio encheuse de fermosos versos e poesías!. 

Día da Poesía 2016 - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

xoves, 12 de maio de 2016

HÁBITOS DE CONSUMO SAUDABLES

O martes, día 10 de maio, os nenos e nenas de 1º e 3º fixemos unha saída didáctica a un supermercado moi coñecido da nosa cidade. Nada máis chegar recibiunos unha muller que, nun recuncho do super, amosounos unha pirámide alimenticia e explicounos o seu contido. Logo fixemos un percorrido polas distintas seccións do mesmo e aprendemos moitas cousas: a ler os letreiros que nos explican a orixe, o nome e o prezo das froitas, a mirar a información nutricional dalgúns alimentos envasados e mesmo a diferenciar o peixe azul do branco así como a súa frescura.
 Voltamos á escola cunha mochila que tiña un agasallo moi saudable para gozar da nosa merenda...

mércores, 11 de maio de 2016

ACTIVIDADE DA FUNDACIÓN CELTA DE VIGO

O luns 9 de maio os nenos e nenas de 2º, 3º, 4º,5º e 6º tivemos a oportunidade de disfrutar dunha actividade de Educación Física estupenda da man de dous entrenadores da Fundación  Celta de Vigo.
Pasámolo moi ben ao mesmo tempo que aprendimos as técnicas que empregan os futbolistas profesionais.
Logo de tanto entreno, agasalláronnnos con fotos dos nosos queridos futbolistas do Celta, algunhas mesmo estaban asinadas, e mesmo tivemos tempo de repoñer forzas cun pequeno almorzo que nos ofreceron.
Moitas grazas pola actividade!. Aqui tendes unha mostra do que foron as distintas sesións.

mércores, 4 de maio de 2016

VIGO RECICLA EN 2º, 3º E 4º DE PRIMARIA

É unha sorte vivir nunha das cidades máis limpas de España. O noso colexio tamén queremos que sexa dos máis limpiños asi que desta vez o luns 2 de maio foron os nenos e nenas de 2º, 3º e 4º os que participamos no programa educativo "Vigo Recicla" promovido polo Concello de Vigo. Deste xeito recordamos a importancia que ten a separación dos distintos residuos e materiais para a conservación e protección do medio ambiente. O repaso viunos como auga de maio xa que últimamente parece que se nos estaba esquecendo empregar as papeleiras logo do almorzo no tempo de recreo. É moi importante que todos nos fagamos responsables do coidado do noso contorno. Co que nos gusta a todos atopar todo ben limpiño, temos que esforzarnos por non ensuciar e empregar as papeleiras e contedores!!. Xa nos dicía a monitora Noelia "non é máis limpo o que máis limpa, senón o que menos ensucia". Asi que a seguir practicando...

martes, 3 de maio de 2016

FROITA NA ESCOLA DO 18 AO 22 DE ABRL

No noso colexio non nos cansamos de insistir e recordar que é necesario fomentar o hábito de consumo de froita entre os nenos e nenas. Unha vez máis na semana do 18 ao 22 de abril participamos no programa Alimenta-T Ben da Consellería de Medio Rural. Cada día almorzamos unha variedade de froita: mandarinas, plátanos, mazás, amorodos e nésperos. Aquí tendes as fotos, para que vexades que comer froita sempre é un éxito, e moito máis se hai amorodos!!