luns, 27 de febreiro de 2017

ENTROIDO FLUVIAL NO COLE

O Miño desfilou o venres polo patio da nosa escola, como non podía ser doutra maneira neste curso no que  queremos achegarnos a súa faciana dende tódolos recunchiños posibles. O desfile estivo presidido pola nosa "meca" a Xacia Miñoncesa, ser máxico característico do noso río. Ía ela elegantemente vestida para a ocasión e seguida por uns guías turisticos moi metidos no seu papel e dispostos a presentarnos e levarnos da man a descubrir as maravillas que se agochan nas beiras do Miño.

A natureza estivo representada por algúns habitantes do río como as señoras troitas, máis listas elas que as lampreas; que viñeron ao desfile, pero xa feitas receitas riquísimas por uns cociñeiros moi prehistóricos e moi expertos.
As libeliñas, coas súas fermosas ás, sobrevoaron o río, admirando a todo o público; o mesmo que os carballos que se facían fortes na beiriña para protexer os seus veciños os mouchos. 
Con moito esforzo e moita presa  pasaban os pelegríns, camiño de Compostela, pero aínda así, disfrutando da paisaxe e dos impresionantes viñedos que atoparon no camiño antes de virar cara o seu destino.
Os vikingos desta volta trouxeron as súas cámaras de fotos para poder desfrutar do que non puideron antes, cando viñeran invadirnos e chegaran ata Ribas do Sil remontando o río dende a Garda. Daquela fixeran mil desmáns, ademáis de deixarnos tamén algo da súa cultura. Aínda así portaban escudos e espadas...nunca se sabe onde hai que presentar batalla!!.
Pechando viñan os pequeniños co seu toque azul e branco das cores da nosa bandeira. Estabamos todos os que somos e todos dispostos para bailar e cantar a canción de Andrés do Barro "O tren" versionada e musicalizada por un voluntarioso pai do colexio que foi quen nos fixo a música e a cantou. Así xa estabamos todos listos para subir no noso especial tren turístico dirixidos pola "que manda",  quen ía vestida de maquinista ferroviario.
Agora xa sabedes...pasaxeiros ao tren,pi,piiiii! A desfrutar coas nosas fotos.!



O ANIVERSARIO DE ROSALÍA

Dende as actividades nas aulas lembrando e celebrando á nosa escritora, pasando polo recuncho da biblio onde se recollían textos de Rosalía, os obradoiros temáticos, a petición do mouchiño para os pais -con grande aceptación-  e o concerto especial do pai de Paula, ata chegar a maratón de lectura de poemas no patio, todo foron actividades de homenaxe e lembranza do seu 180 aniversario; i é que despois de tanto tempo, ela ainda segue moi viva.!!.
En tódalas aulas fíxose a carauta de Rosalía para participar na iniciativa da AELG "Rosalíate" e moitas desas carautas formaron parte das fotos das familias co mural que compuxemos nas escaleiras. Nalgunhas aulas elaboráronse marcapáxinas especiais e leváronse adiante obradoiros nos que aprendemos cousas da súa vida e puidemos facer debuxos dela e das cousas que lle chamaban a atención e despois formaron parte dos seus poemas (con estes debuxos tamén fixemos un grande mural).
No concerto que nos deu o pai de Paula na biblioteca tamén estivo presente Rosalía e o seu poema "Pasa, río".
Por último, para pechar a celebración tódolos cursos participamos nunha maratón na que fomos lendo e recitando poemas e versos da autora...unha festa todiña adicada a súa memoria.!!


luns, 6 de febreiro de 2017

DÍA DA PAZ POLO MIÑO

 Un ano mais chegou o 30 de Xaneiro, o Día da Paz. Nas aulas tiñamos un encargo moi especial dos mouchiños...abondar sobre o significado das fronteiras,  terribel verba hoxendía. Menos mal que para nós, metidos de cheo nas tranquilas augas do río Miño, tratábase dunha fronteira moi especial. Daquela durante os días previos á data estivemos a pescudar un pouquiño nas poboacións  miñotas fronteirizas e fixémolo ademais coas parellas dunha e doutra beira do río Polas aulas desfilaron A garda e Caminha, Goián e Vilanova de cerveira, Tui e Valença, Salvaterra e Monçao e mais Arbo e Melgaço. Da man dun fermoso documental e outros recursos, como as novas dos xornais, botamos a ollada cara atrás, facendo un pouquiño de historia. Pero sobre todo demos pasos cara adiante, cara o presente cheo de vencellos entre Galicia e Portugal. Reflexionamos sobre  o que nos une...as pontes, a paisaxe, a lingua, a cultura, e quixemos encher as beiras do Miño  coas nosas mans e os mellores desexos de paz. 
Coma a paz , que se vai construindo granciño a granciño, o noso mural ainda está por rematar. A súa construcción vaise prolongar un pouquiño no tempo. Ainda hai cousiñas dos dous países sobre as que temos que volver.  O noso traballo sobre o río vai seguir moi presente neste e no vindeiro trimestres.













CELEBRANDO O DÍA DA PAZ: VICENTIÑO PAXARO DO RÍO MIÑO

Para celebrar o Día da Paz os nenos e nenas de 1º de primaria quixemos facer unha adaptación do conto de Anxo Moure "Vicentiño e as árbores da paz" que atopamos na web de contosolidarios.org. Así que puxémonos mans á obra organizándonos entre todos para levar a cabo esta tarefa. 

Logo de distribuirnos e engadirlle ao conto algún detalle do noso imaxinario e tras uns cantos ensaios decatámonos que non tiñamos público así que pensamos que sería fermoso compartilo cos compañeiros de infantil. E como unha cousa leva a outra e o Vicentiño de papel que fixéramos na clase de plástica quedáranos tan bonitiño quixemos amosarlles aos máis cativos como se facía agora que xa éramos expertos en Vicentiños. Tivemos moito traballo eses días dándolle voltas á cabeza cavilando con todo o que necesitaríamos, contando, sumando, restando, lendo, cantando....pero sobre todo disfrutando.

E así foi, no Día da Paz xuntámonos todos na biblioteca, contamos o conto e xuntos pensamos, soñamos, remamos, nadamos, sementamos e abrazamos árbores de paz. Ao final cantamos a canción adicada a Vicentiño...paxaro do río Miño do libro-cd que nos emprestou Tiago "Vicentinho e as árvores da paz" de Tou-po-rou-tou.  

Ese día foi moi emocionante e como o tempo non deu para máis, foi nos días seguintes cando puidemos voltar a xuntarnos aos ratiños cos nosos compañeiros, amigos e irmáns para facer a manualidade do paxariño Vicentiño compartindo así momentos moi fermosos xuntos.

Aquí poderedes ver en dúas tandas as fotos da sesión de contacontos na biblioteca e do obradoiro que compartimos xuntos os nenos e nenas de Primeiro nas calses de 3, 4 e 5 anos.



compartindo a vicentiño - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

venres, 3 de febreiro de 2017

Semana de froita na escola

No Párroco seguimos fomentando o hábito de consumir froita para acadar unha dieta san e equilibrada. Desta vez na semana do 23 ao 27 de xaneiro tivemos a "Semana de froita na escola" e así almorzamos cada día: mandarinas, plátanos, mazás e amorodos.
Aquí deixámosvos algunhas fotos como mostra deses días.


mércores, 1 de febreiro de 2017

OBRADOIRO DE IGUALDADE 2º PRIMARIA

O luns, 30 de xaneiro, recibimos a visita na nosa aula de Elsa, unha especialista en Igualdade  do concello, que nos amosou moitos exemplos sobre os prexuizos que moitas veces temos sobre o deporte con respecto aos homes e as mulleres. Apoiándose nos resultados obtidos polos nosos deportistas nos últimos xogos olímpicos e as disciplinas deportivas que practican algunhas persoas, agora entendimos que non existen barreiras para practicar e despuntar en calquera deporte que estemos dispostos a practicar con esforzo e tesón sexamos nenos ou nenas.