luns, 27 de febreiro de 2017

ENTROIDO FLUVIAL NO COLE

O Miño desfilou o venres polo patio da nosa escola, como non podía ser doutra maneira neste curso no que  queremos achegarnos a súa faciana dende tódolos recunchiños posibles. O desfile estivo presidido pola nosa "meca" a Xacia Miñoncesa, ser máxico característico do noso río. Ía ela elegantemente vestida para a ocasión e seguida por uns guías turisticos moi metidos no seu papel e dispostos a presentarnos e levarnos da man a descubrir as maravillas que se agochan nas beiras do Miño.

A natureza estivo representada por algúns habitantes do río como as señoras troitas, máis listas elas que as lampreas; que viñeron ao desfile, pero xa feitas receitas riquísimas por uns cociñeiros moi prehistóricos e moi expertos.
As libeliñas, coas súas fermosas ás, sobrevoaron o río, admirando a todo o público; o mesmo que os carballos que se facían fortes na beiriña para protexer os seus veciños os mouchos. 
Con moito esforzo e moita presa  pasaban os pelegríns, camiño de Compostela, pero aínda así, disfrutando da paisaxe e dos impresionantes viñedos que atoparon no camiño antes de virar cara o seu destino.
Os vikingos desta volta trouxeron as súas cámaras de fotos para poder desfrutar do que non puideron antes, cando viñeran invadirnos e chegaran ata Ribas do Sil remontando o río dende a Garda. Daquela fixeran mil desmáns, ademáis de deixarnos tamén algo da súa cultura. Aínda así portaban escudos e espadas...nunca se sabe onde hai que presentar batalla!!.
Pechando viñan os pequeniños co seu toque azul e branco das cores da nosa bandeira. Estabamos todos os que somos e todos dispostos para bailar e cantar a canción de Andrés do Barro "O tren" versionada e musicalizada por un voluntarioso pai do colexio que foi quen nos fixo a música e a cantou. Así xa estabamos todos listos para subir no noso especial tren turístico dirixidos pola "que manda",  quen ía vestida de maquinista ferroviario.
Agora xa sabedes...pasaxeiros ao tren,pi,piiiii! A desfrutar coas nosas fotos.!



Ningún comentario:

Publicar un comentario